Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

O SLG advirte do dano do actual modelo de agroindustrialización nos cultivos e alimentos

Archivado en Ecoloxía • Fecha: 22-02-2007 10:32

A agroindustrialización pon estes días a súa faciana máis cheirenta e nociva nas nosas costas, pero todos os días estamos padecendo o dano menos visible das outras ameazas nos nosos cultivos e nos nosos alimentos, sen necesidade de que nolas pase por diante dos ollos o Ostedijk.

O Sindicato Labrego Galego, nunha nota remitida á prensa que reproducimos a continuación, advirte, a raíz do incidente do mercante Ostedijk que fumega nestes días vapores perigosos polas costas galegas, do dano menos visible do uso de fertilizantes químicos baseados en NPK (nitróxeno, fósforo e potasio) nos cultivos e alimentos, modelo de agroindustrialización que mostra agora a súa faciana máis cheirenta.

«Estes días, a cidadanía galega anda ocupada e preocupada co destino incerto dun barco mercante que fumega vapores perigosos. Non é por acaso, un dos ingredientes da temida carga do Ostedijk é o nitrato amónico, que non debemos esquecer que pertence á familia dos compoñentes básicos dos explosivos modernos.

Sendo isto preocupante, debemos facer un pouco de memoria histórica sobre o papel dos fertilizantes químicos na consolidación do modelo agroquímico actual. Os químicos alemáns Haber e Bosch descubriron en 1910 a síntese do amoníaco e, alén de valerlles o premio Nobel, este acontecemento foi a pedra chave do desenvolvemento armamentístico da primeira Grande Guerra Mundial, coa súa conseguinte estela de devastación e morte.

Nunha lóxica análoga, pódese ver o papel dos fertilizantes NPK (nitróxeno, fósforo e potasio). O Estado español importa grandes cantidades de fertilizante, xa que a súa elaboración “in situ” supón enormes deseconomías sociais, ambientais e económicas. De certo, a síntese do amoníaco e os seus derivados nitroxenados é un proceso caro, ineficiente e nauseabundo; e non ten en conta estes custes en comparación con outros procesos para a obtención de nitróxeno máis naturais e sostíbeis como a plantación de leguminosas -que fixan nitróxeno da atmosfera con custe ambiental e enerxético case cero-, ou a recuperación de esterco e refugallos domésticos de orixe urbana. É dicir, estamos a pagar por importar adobos e pagamos por queimar nitróxeno doméstico.

Seguindo co fío do nitróxeno, non existe ningún tipo de responsabilidade no transporte marítimo de produtos agroalimentarios. Importamos leite, adobos, sementes; exportamos viño, carne, e tamén leite e sementes, etcétera. As consignatarias marítimas non responden por accidentes marítimos e explotan brutalmente ás tripulacións de orixe asiática que precisan. É por esta razón que resulta “vendible” o modelo da agricultura industrial, a pesares de supor unha catástrofe alimentaria, ambiental e social en termos de falta de soberanía e dependencia dunhas pouquísimas variedades de plantas que son cultivadas con dependencia aditiva en agroquímicos NPK.

O popular 15-15-15 do saco vermello estrágase nun mínimo do 50% nada máis botalo na terra por mor das primeiras choivas, o que provoca a eutrofización de regueiros e lagoas, modalidade de contaminación que xa supón un problema grave de saúde ambiental nalgunhas comarcas galegas. Tamén é sabido que os fertilizantes NPK aumentan a cantidade das producións, aínda que resultan pésimos á hora de achegar calidades nutritivas e gustativas aos alimentos vexetais e animais. Por se non abondase, os NPK favorecen o ataque de pragas e doenzas nos cultivos, e maior dependencia doutros agroquímicos de procedencia máis preocupante e, como non, transportados en buques mercantes que bordean as nosas costas. Finalmente, os fertilizantes NPK está a producir un dano difícil de corrixir en canto á perda de fertilidade e degradación dos nosos solos, que son un ben prezado e de difícil rexeneración no tempo.

Despois do devandito, poderiamos facernos a seguinte pregunta: quen paga isto? Poderiamos pensar que os pobres cidadáns e cidadás afectadas polas emanacións das fábricas de amoníaco ou potasa; tamén estarían a pagar os mariñeiros filipinos dos mercantes; e tamén os labregos e labregas que se ven na obriga de producir cantidade en troques calidade, xa que o mercado non ofrece outra posibilidade; se cadra tamén pagan a súa parte Os/as nosas sufridas consumidoras e contribuíntes que mercan alimentos pésimos, beben augas contaminadas e, por riba, pagan, sen sabelo, subsidios ás industrias agroquímicas.

Xa se ve que a agroindustrialización pon estes días a súa faciana máis cheirenta e nociva nas nosas costas; pero todos os días estamos padecendo o dano menos visible das outras ameazas nos nosos cultivos e nos nosos alimentos, sen necesidade de que nolas pase por diante dos ollos o Ostedijk».

Fonte: As ameazas “non visibles” dos fertilizantes do Ostedijk

Publicado por Birnarem
239 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos