Amaia Latorre, Barcelona
Cando eu era unha nena de seis ou sete anos aprendín a andar en bicicleta. Era unha bici pequena, de piñón fixo, que compartía cos meus irmáns e que me permitiu descubrir que era iso do equilibrio (non sen antes atropelar ao párroco do meu pobo, segundo din as malas linguas). Desde o primeiro momento sentinme atraída por ese vehículo que me permitía moverme sen necesidade de tocar o chan cos pés, coma se voase a niveis de chan. Era adictivo.
Seguín crecendo e o meu soño era ter unha bici de maior. Desgraciadamente os meus pais non se podían permitilo, así que tiña que me conformar con montar, moi de cando en vez, na bici dos meus curmáns (que me viña oito tallas maior, pero iso non facía senón darlle máis emoción ao asunto), ou na bici de estrada (de carreiras, chamabámoslle entón) do profesor de ximnasia. O poder usar tan pouco a bicicleta, no canto de facer que me esquecese dela conseguiu que cada vez a desexase máis (tal e como dicía Serrat na preciosa canción Lucía, non hai nada máis belo que o que nunca tiven). Pero aínda tiven que esperar un pouco.
Chegaron os anos da universidade. Durante o primeiro ano ía alí a diario mañá e tarde en autobús. Naquela época a rede de autobuses aínda non era moi boa, polo que non me bastaba con coller un para chegar á universidade, tiña que facer un transbordo, o cal supúñame unha media de corenta minutos de viaxe. Corenta minutos que multiplicados por catro supuñan máis de dúas horas e media diarias. Pouco práctico. A escusa perfecta para porme a aforrar e, ¡por fin!, comprarme unha bicicleta que me permitise aforrar tempo, diñeiro e, ademais, poder volver gozar dándolle aos pedais.
Entre os meus compañeiros de clase había outro que se desprazaba a diario en bicicleta, o resto facíao maioritariamente en autobús ou andando. Isto durante o primeiro ano. Logo as cousas foron cambiando. Conforme pasaban os anos había menos estudantes que usaban o autobús, e máis que ían comprándose coche. Eu seguía sendo a da bici. A evolución máis significativa foi a do compañeiro que tamén viña en bicicleta. E digo que foi significativo porque a usou tan só o primeiro ano. O segundo comprou unha motocicleta. Para o cuarto ano xa conseguiu un cocheciño pequeno, que cambiou por outro de maior cilindrada no último ano de carreira. Vaia, que ía prosperando. Ou polo menos iso pensaban os meus amigos, que envexaban sen disimulo o seu novo coche.
Hoxe, quince anos despois, eu tamén teño coche, un pequeniño que consome moi pouco e que uso só cando é imprescindible. E xa non teño unha bici, teño tres, para cidade, para estrada, para montaña. e estou en espera de comprarme a cuarta, a plegable que me sirva para poder viaxar a calquera lugar sen necesidade de separarme do meu medio de transporte preferido. A xente que pensaba que ía en bicicleta porque non tiña diñeiro para comprarme un coche xa cambiarían de opinión, supoño. Os que se estrañaban de que unha médico puidese usar a bici como medio de transporte xa se afixeron a verme e considerarano normal, supoño. E se non é así, dáme igual. Non cambio a bicicleta por nada. Non cambio por nada a sensación de liberdade, o pracer de notar no rostro os cambios de estación, a satisfacción de adiantar a malhumorados condutores atrapados nun atasco, o sentir que o meu corpo está vivo, novo e san, a relaxación que me proporciona a cadencia do pedaleo, a tranquilidade moral de non estar contribuíndo a contaminar do meu entorno. ¿Como é que os demais non se dan conta de todo isto?, ¿como é que non está a miña cidade chea de bicicletas? Pregunteimo infinidade de veces, e aínda non atopei a resposta.
De pequena, cando me dedicaba a atropelar coa miña bici ao párroco do meu pobo, gustábanme moito as fábulas. Unha das miñas preferidas era a da lebre e a tartaruga. Encantábame a idea de que a veloz e presuntuosa lebre puidese verse alcanzada e superada pola lenta pero persistente tartaruga. Hoxe son eu a que me sinto un pouco tartaruga no medio do vórtice de coches. E síntome gañadora. E moi orgullosa de que me sigan coñecendo como a da bici.
Amaia Latorre
Fonte: La de la bici
Bicicleta Club de Catalunya