Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

O despilfarro de recursos e o marketing empresarial

Archivado en Ecoloxía • Fecha: 24-01-2007 12:20

Leo en Código Cero:

O Goberno chinés vén de aprobar unha nova regulación pola que os fabricantes de terminais de telefonía móbil deberán tomar medidas para que os seus cargadores sexan utilizables por parte de móbiles de calquera outra compañía, co que se pretende que se reduzan os custos dos teléfonos móbiles e da problemática que supón a existencia de distintos cargadores en función non só de distintas marcas senón incluso de distintos modelos de móbil.

Deste xeito, os 100 millóns de terminais de telefonía móbil que se venden cada ano en China non se traducirán na creación de 100 millóns de cargadores inútiles (que serían un elemento máis do lixo electrónico) e poderían supor un aforro para os consumidores de 2.400 millóns de iuans (231 millóns de euros).

Este tipo de medidas deberían estar ao orde do día hoxe, xa que o despilfarro que supón as estratexias comerciais das marcas de facer produtos intencionadamente incompatibles, sen ningún tipo de xustificación técnica, provoca que produtos perfectamente operativos teñan que botarse á basura co conseguinte gasto, contaminación e consumo de recursos que supón.

Penso que é necesario que dunha vez as administracións poñan límite ás prácticas comerciais das empresas, que no seu afán de vender e máis vender levan á sociedade a un consumo de recursos e xeración de residuos completamente insostible. Produtos incompatibles, inexistencia de recambios, cobrar máis por unha pequena peza dun produto que por un produto enteiro compretamente novo, ...

O mesmo pasa cando falamos de enerxía eléctrica. Agora falan de que é inevitable construír plantas nucleares, para cumprir o Protocolo de Kioto, para non contaminar máis a atmosfera e porque necesitamos xerar máis enerxía. Curioso que de repente todas as empresas se volvesen “ecoloxistas” no sentido de xustificar as súas accións porque buscan contaminar menos.

Pero claro, ninguén fala de que despilfarramos enerxía, que utilizamos elementos que consumen enerxía e que son innecesarios a tal magnitude (exemplo as luces de nadal ou festas), que non se investiga o suficiente nos produtos de baixo consumo, que non se fomenta o uso dos que xa existen, ...

O mundo está cambiando a consecuencia da nosa neglixencia na xestión dos recursos naturais e xa vai sendo hora de facernos responsables dos nosos actos e non mirar para outro lado.


Fonte: China promove a creación de cargadores universais para móbiles

Publicado por Birnarem
164 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos




ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: Fotos