Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Polonia: as mulleres regresan á cociña, aos nenos e á Igrexa

Archivado en Información (Kit do cidadán crítico) • Fecha: 11-01-2007 13:31

Maria Szyszkowska

Un requisito da democracia é a pluralidade de opinións. Logo de 1989 en Polonia só hai unha corrente ideolóxica, a católica. A situación empeorou respecto da imperante entre 1956 e 1989, pois entón había polo menos dúas correntes ideolóxicas.

Os marxistas tiñan o apoio do estado, mentres que os grupos católicos, recoñecidos legalmente, podían expresar o seu punto de vista en libros. O Estado autorizou entón a institución da Universidade Católica de Lublin e abriu en 1954 en Varsovia unha Academia católica.

As actividades de ambas correntes levaron a apaixonados debates políticos e filosóficos no seo da sociedade, que tamén atopaban eco na prensa.

Nos anos 1956-59, tralo período estalinista, a situación das mulleres polacas mellorou visiblemente. Por fin tomouse ás mulleres en serio, e as súas esixencias de emancipación levaron a que calquera profesión estivese aberta ás mulleres. A condutora de tractores converteuse en símbolo dese pasado recente.

Os anos dourados

A necesidade de dar ás mulleres a liberdade e a posibilidade de planificar a propia vida trouxo consigo a construción dun gran número de garderías e xardíns de infancia. O obxectivo era posibilitar ás mulleres unha actividade profesional. De entón data a lei que posibilitaba a interrupción do embarazo por motivos sociais.

As mulleres obtiveron, en igualdade de condicións que os homes, acceso á instrución. Creáronse escolas nas zonas rurais. Instituíuse un sen número de becas, a fin de que a muller que o desexase puidese estudar, estando o enteiro sistema educativo libre e gratuitamente aberto a ela. As mulleres saíron entón do horizonte das súas catro paredes e puideron sentirse equiparadas aos homes. As máis ousadas, lanzáronse á vida política, movidas pola paixón da acción social. Nin que dicir ten que o seu irrupción na vida pública chocou coa resistencia dos homes. Pero, paulatinamente, as mulleres chegaron a alcanzar posicións de relevo: traballaron como asesoras, vicedirectoras, directoras de escola e aínda viceministras.

A vida política estaba entón chea de debates ideolóxicos. Pseudovalores como a riqueza material non tiñan o mesmo peso que hoxe.

A democracia

En 1989 introduciuse en Polonia “a democracia”. Walesa prometeu mellorar o socialismo. Ningunha traballadora, ningún traballador dos que entón facían folga podería imaxinar xamais que ía a reintroducirse o capitalismo e que a maioría da poboación caería na pobreza. Logo de 1989 viuse en Polonia un fenómeno antes descoñecido: o desemprego. En canto se abriron as fronteiras polacas ás grandes corporacións empresariais occidentais, a industria polaca quedou destruída.

As transformacións estructurais na economía reveláronse particularmente negativas para as mulleres. O desemprego feminino subiu de xeito especialmente notable. Cando alguén ofrece hoxe emprego a unha muller, ofrécelle para o mesmo posto menos salario e peores condicións de traballo que a un home. Só mulleres moi novas conseguen hoxe facilmente traballo. Postos de empregada de banco ou de secretaria.

As garderías e os xardíns de infancia foron pechados, e as mulleres, de novo encapsuladas nun único papel: o de ama de casa. A miúdo óese a opinión, tan acorde á ideoloxía da Igrexa católica, de que o destino da muller é a maternidade e o coidado da familia. Pero os baixos salarios percibidos polos propios homes non lles permiten alimentar unha familia. A escaseza de postos de traballo trae consigo a prostitución ilegal, os locais que reciben na Polonia actual o nome de “axencias de contactos” ou “salóns de masaxe”. A miseria que impera hoxe no groso dos fogares impide o acceso das mulleres á instrución, porque a educación non pode conseguirse xa hoxe, a diferenza do que pasaba nos tempos da República Popular, sen medios financeiros privados.

A emigración masiva ao estranxeiro en busca de traballo xa comezou. Entre quen abandonan Polonia, as mulleres constitúen unha boa parte.

A ideoloxía católica bendí esas dificultades económicas. O predominio dunha única visión do mundo leva a unha profunda alienación. Baixo a influencia da Igrexa, pero tamén das revistas femininas e dos medios de comunicación de masas, a nai polaca entronizouse como ideal ao que hai que aspirar. Iso leva a graves complexos de inferioridade a mulleres solteiras ou sen fillos, posto que son presentadas pola Igrexa como un antimodelo. As mulleres lesbianas áchanse nunha situación aínda máis dramática, porque a Igrexa persuade á sociedade de que a homosexualidade é unha enfermidade.

A Igrexa negouse á introdución de asignaturas de educación sexual nas escolas; só uns poucos teñen acceso a medios preventivos; os abortos ilegais crecen, e entre as mulleres pobres chégase ata ao infanticidio. A axuda pública, penetrada polo modelo patriarcal, ligada ao stress do paro masculino, leva a unha crecente violencia doméstica contra as mulleres e os nenos.

Non hai lugar para a emancipación

Non hai espazo para que prosperen lugares de emancipación que permitan escapar a esa alienación. Os libros escolares de texto reproducen a opinión doctrinal da Igrexa católica e a televisión estatal censura todo o que se aparta desa opinión. Todas as cadeas privadas de televisión son abertamente católicas. Radio Maryja e a emisora Trwam propagan non só a intolerancia fronte todo o que se desvíe do catolicismo, senón tamén o antisemitismo aberto e as simpatías polos neofascistas polacos.

Á esquerda non lle preocupou iso, e nin sequera cando estivo no poder esforzouse por inculcar nos medios de comunicación de titularidade pública o respecto pola pluralidade de opinións. A esquerda no goberno nin sequera soubo usar o seu poder para garantir a posibilidade dunha interrupción do embarazo por motivos sociais ou persoais, porque desexaba o apoio da Igrexa.

O que se deu foi un truque tácito: un pacto mantido en silencio entre o anterior goberno (de esquerda) e a Igrexa, conforme ao cal a Igrexa habería de convencer á sociedade de votar a favor da entrada na Unión Europea a cambio de que non se aprobase lei algunha que fose en contra da doutrina católica. Co que a Igrexa, inimiga da emancipación feminina, terminou converténdose nunha potencia económica e na única forza política coa que todas las demais forzas están obrigadas a entenderse.

A consciencia das mulleres polacas está hoxe embutida dos valores que propaga a Igrexa católica e das supersticións a eses valores ligadas. A publicidade de produtos de luxo, de vestidos, automóbiles e cosméticos contribúe tamén o seu, e esperta o desexo de enriquecerse a calquera prezo. A sensibilidade para os valores sociais perdeuse entre quen son responsables da educación das xeracións novas.

O clima social empuxa ás mulleres á pasividade. Moitas mulleres a duras penas conseguen loitar pola supervivencia. Só unha ínfima parte comprométese politicamente. Moi poucas mulleres participan nas eleccións parlamentarias, o que explica que o Parlamento estea de todo punto dominado polos homes. Ata a esquerda parlamentaria discrimina ás mulleres nas súas filas: ofrécenlles os peores lugares nas listas de candidatura, e non teñen acceso algún aos cargos altos de partido. No goberno só hai unha muller (de aquí que a candidatura da redactora deste informe á presidencia de Polonia fose algo novo e de todo punto especial).

Maria Szyszkowska, veterana loitadora feminista e socialista polaca, foi candidata á presidencia da República nas eleccións polacas do ano pasado.

Fonte: Polonia: las mujeres regresan a la cocina, a la iglesia y los niños

Publicado por Birnarem
151 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos