O Festival Liet Lavlut é unha iniciativa que xordeu dende a rexión holandesa de Frisia hai 4 anos. Nesta edición Fran Pérez “Narf” foi o encargado de representar a Galiza.
“O certo é que Fran Pérez estivo espectacular, enganchou co público, que non parou de bater as palmas, e cativou Östersund coa esa voz doce e a súa guitarra guerrilleira. Foi o mellor, pero os da casa mandan”. Así relata no seu blog Kiko Novoa (Facéndome o sueco), membro do xurado da cuarta edición do Liet, a “case vitoria” de Narf no festival da canción en linguas minorizadas. Fran Pérez “Narf” quedou segundo por detrás dos músicos lapóns, lingua que xa gañara outras veces e que desta vez era a anfitriona. A cidade lapona de cidade lapona de Östersund, en territorio sueco, acolleu este ano a final do Liet, o primeiro que se celebra fóra de Frisia, rexión onde naceu no ano 2002. Outros anos as participantes galegas foron Anubía e Uxía.
Nun auténtico concurso internacional da canción, cada un dos participantes podería cantar na súa propia lingua. Iso é o que opinan os organizadores do Liet Ynternasjonaal, unha asociación da cultura frisona, que levan anos reivindicando a canción nesta lingua xermánica, falada nos países Baixos e en Alemaña. Por iso no 2003 decidiron poñer en marcha unha “eurovisión alternativa”, onde se reunisen cantantes e grupos das linguas minorizadas europeas.
O frisón é unha lingua xermánica, con tres variantes xeográficas
que gozan de distinta vitalidade e que presentan moitas diferencias gramaticais e léxicas: a máis importante delas é o frisón occidental, falado na rexión de Frisia, nos Países Baixos, por unhas 700.000 persoas. O frisón septentrional fálano 10.000 persoas na estrema norte de Alemaña e o occidental e o frisón oriental outros dez milleiros na estrema de Alemaña cos Países Baixos.
O Liet Ynternasjonaal, dálle continuidade a un concurso máis modesto, da canción na súa lingua, o Liet, nacido hai dez anos. Agora que xa acadou o nivel internacional vén sendo o único festival europeo no que as bandas participantes cantan en linguas minoritarias como o córnico, o catalán, o friulano ou o galego.
É moi pouco usual a participación das linguas minorizadas no festival de Eurovisión. Lembremos que soamente Bélxica procura un respecto por quendas das dúas linguas oficiais (valón e flamengo) nas súas representacións eurovisivas, ou que, por exemplo, nunca un representante da televisión pública española cantou nalgo diferente de castelán (malia os intentos de Serrat, substituído pola logo gañadora Massiel).
Os artistas que actuaron en Östersund foron elixidos nunha selección de gravacións. O pasado sábado, un xurado formado por voceiros de cada un dos países participantes e as chamadas telefónicas do público determinaron o gañador deste certame que promove a conservación das linguas minorizadas.
Fonte: FRAN PEREZ obtén o segundo posto no IV Festival Internacional Liet de línguas minorizadas europeias celebrado en Östersund, Sápmi (Suecia), o pasado sábado 14 de Outubro 2006