Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Da Foxa Atlántica a Londres, crónica dunha vitoria popular

Archivado en Ecoloxía • Fecha: 16-10-2006 16:39

Xan Carballa

Entre 1981 e 1985 Galiza mobilizouse contra os vertidos radiactivos. O pasado setembro cumpríronse 25 anos desde que o palangreiro Xurelo se apresentou na Foxa Atlántica para facerlle simbólica oposición aos grandes buques que deitaban umpunemente lixo radiactivo no Atlántico. Desde entón até 1985 sucedéronse as manifestacións, no mar e en terra, nunha mobilización social que por fin, en 1985, logrou unha moratoria indefinida.

A iniciativa da Asociación Altofalante para celebrar en Ribeira os 25 anos da expedición do Xurelo á Foxa Atlántica puxo outra vez de actualidade aquela, finalmente triunfante, grande loita ecoloxista en defensa dos nosos mares. Nunha curiosa simetría histórica, o Xurelo afundiuse no porto de Ribeira a noite do 18 decembro de 2002 cando o chapapote do Prestige comezaba a facer estragos nas nosas costas e levantaba unha grande onda de mobilizacións populares.

Se os historiadores do contemporáneo recopilan información sobre algúns dos principais conflitos sociais do final do franquismo e a Transición, atoparanse a pegada dunhas reivindicacións de fondo calado ecoloxista, cando aínda este movemento estaba dando en Europa os seus primeiros pasos. Desde o lonxano Castrelo de Miño nos anos 60, contra o asulagamento das mellores terras dun val de grande riqueza, a todo o proceso de instalación da factoría de Celulosas na Ría de Pontevedra (e despois, no ano 1975, cando habia proxectos de Celulosas para Padrón, Ponteceso, As Neves, O Barco, Negreira, Muxía e Fazouro-Mondoñedo), pasando pola defensa do areal de Baldaio... o pano de fondo é sempre común.

Pero nos anos 70 tamén se realizou o intento de instalación dunha central nuclear en Xove, nas costas do Cantábrico. En 1977 e 1979 realizáronse dúas marchas multitudinarias desde Viveiro á parroquia onde se pretendía facer a instalación lográndose finalmente que o proxecto ficase abandoado.

O movemento ecoloxista como tal definido ten a súa primeira organización activa, e protagonista de moito daquel labor de concienciación, na constitución de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), só legalizada en 1976. Foron membros da primeira Directiva personalidades como Domingo Quiroga, experto en temas mariños e primeiro presidente de ADEGA, o catedrático de Química Analítica Francisco Bermejo Martínez, experto en temas de contaminación e vicepresidente, o arquitecto Xosé Bar Boo (segundo presidente), os avogados Xosé Luís Rodríguez Pardo e Xosé Luís Fontenla Rodríguez (este terceiro presidente), ou os economistas Xosé Manuel Beiras Torrado e Fernando González Laxe (este secretario xeral na segunda directiva), entre outros. Xa nos oitenta, foi presidente Ramón Varela Díaz e secretarios xerais Modesto Solla Sanz e Carlos Vales Vázquez.

Á altura do mes de abril de 1981, cando aínda estaba fresco na memoria o intento de golpe de estado do 23 de febreiro, contituiuse na Coruña un foro de cidades co fin de agrupar aos municipios europeos na loita contra a contaminación do mar. Ademais da cidade anfitriona están representadas Kiel, Newcastle, Brest, Marsella, Barcelona, Venecia, Dublín, Tarento e Rotterdam. En xullo Adega pronúnciase ante o goberno contra o mergullamento de lixo atómico

14 de setembro, zarpa o Xurelo

O Xurelo foi o primeiro aldabonazo propagandístico. Sabíase que os buques Louise e Kristen Smiths cargaban 6.800 toneladas de bidóns con resíduos radiactivos para deitalos na Foxa Atlántica, unha zona abisal de entre 3.000 e 4.000 metros a 340 millas de Fisterra. Enrique Álvarez Escudero, que estivo no barco, fixo unha crónica resumida desta viaxe como texto para a exposición O lado da sombra na Fundación Seoane en 2005. “Nas primeiras horas da tarde, con tempo soleado e mar en calma, o Xurelo partiu do porto de Ribeira cara á Foxa Atlántica. Navegabamos a nove nós e estaba prevista a chegada á área dos vertidos para a madrugada do mércores.

“Para localizar os barcos do delito eran precisas cartas de navegación e coñecer as coordenadas da área prevista para os vertidos. Dende o Xurelo agardábase que coa axuda do buque Sirius, de Greenpeace, fose máis doada a busca dos barcos holandeses, mais o Sirius finalmente ficou en Plymouth, con avaría.

“No Xurelo o alto mar fai estragos na pasaxe, e os mareos son continuos. Albíscase un grupo de baleas e navégase coa escolta de golfiños e pardelas. A costa xa desaparecera da vista. Un avión, probabelmente holandés, pasa sobre o barco tirando fotos. Ao día seguinte é un helicóptero o que controla a posición. Na primeira noite recebemos orde da axudantía de Mariña de Ribeira de volver ao porto, pero pouco despois anulouse a orde. O noso único contacto con terra é polas radios costeiras de Vigo e Fisterra, que informan sobre o estado do mar e dan a previsión do tempo.

“Nin levabamos aparellos de navegación en condicións nin aquel era un barco para estar naquel lugar, pero grazas á pericia de Ánxel Viña, patrón do Xurelo, estabamos na Fosa Atlántica. Despois dalgún tempo de perseguir barcos coma quen busca unha gota de aceite no océano, cun mar que a cada intre empeoraba máis e xa pensando en dar volta, localizamos os piratas. Alí estaban, deitando no mar mediante guindastres os bidóns de residuos radiactivos. Situámonos entre o Louise e o Kristen Smiths, e naquel momento tivo lugar o acto formal da nosa protesta. Botamos flores ao mar, cantamos o himno e fixemos soar as sirenas do Xurelo. Mantivémonos alí ata que unha fragata holandesa que protexía aqueles dous barcos tentou unha abordaxe á nosa nave, polo que tivemos que saír da zona, diante do perigo que supuña para as nosas vidas. Sen máis, e co tempo indo a peor, puxemos rumbo a Fisterra. O sábado 19 de setembro divisamos de novo terra galega, e xa na altura de Sálvora fomos retidos algún tempo por unha patrulla da Mariña española. Embarcáramos ilegalmente, pois seica non tiñamos cartilla de navegación, obrigatoria para enrolarse en calquera barco.

“Ás cinco da tarde arribamos ao porto de Ribeira. Descoñeciamos a repercusión que puidera espertar aquela pequena aventura, aínda que centos de persoas agardaban no peirao o atraque do Xurelo”.

Aquela foi a primeira expedición galega, fletada por Esquerda Galega, co presenza de concelleiros da formación da Coruña, Vigo e Moaña, xornalistas e membros de organizaicóns ecoloxistas, como o propio Alvarez Escudero, da Sociedade Galega de Historia Natural e Roxelio Pérez Moreiras do Colectivo Natureza. O Xurelo volveu ao mar en 1982, pou despois do regreso doutras embarcacións galegas, o Arousa Primeiro e o Pleamar e xa coa presenza do Sirius da organización Greenpeace.

Novas expedicións marítimas en 1982

María García Añón é autora do libro Desde la fosa de la muerte, editado en xuño de 1983 por Díaz Pardo en Ediciós do Castro. Presente nunha das expedicións marítimas de 1982 (a do Arousa Primeiro) o seu traballo é unha boa guía para seguirmos a cronoloxía de todo o sucedido nos primeiros anos da mobilización contra os vertidos. Pero tamén a revisión das páxinas de A Nosa Terra e da prensa da época explican como detrás dalgunha das expedicións había unha forte compoñente político-electoral, o que finalmente non esvae a importancia da mobilización social. En outubro de 1981 celebráronse as primeiras eleccións autonómicas en Galiza e en outubro de 1982 prodúcese a grande vitoria do PSOE en Madrid. A proba de que a conciencia en defensa do medio enraizou neses anos é que en 1983, 1984 e 1985 continuou a mobilización até acadar que a Convención de Londres decidise unha moratoria indefinida dos vertidos.

O comezo das expedicións de 1982 pódense datar o 6 de Agosto, cando o Sirius persegue ao cargueiro birtánico Gem que transporta 2.700 toneladas de lixo radiactivo, conseguindo encadenarse seis militantes ás plataformas de lanzamento de bidóns. O 8 de agosto prodúcese unha primeira manifestación en Galicia; o 11 de agosto a Xunta reclama ao goberno central o fin da utilización do mar como cemiterio atómico. Hai encerros en Ribeira, Madrid e encadeamentos na embaixada holandesa. Prodúcense pronunciamentos masivos de concellos, sindicatos, organizacións sociais e todas as forzas políticas agás AP e UCD. O 23 de agosto sae o Sirius seguindo ao Schedolborg, un cargueiro holandés que tivo que zarpar desde o porto militar de Den Helder. No Sirius ían o secretario xeral de ADEGA, Modesto Tin Solla, que había protagonizar un dos momentos principais desa campaña, o deputado socialista Vázquez Fouz e o alcalde de Moaña, Xabier Abalo. Mentres, desde Vigo o concello fletaba o Pleamar e desde A Coruña saía o Arousa I e outravolta o Xurelo. A lectura do libro de María García Añón é relevante sobre as peripecias políticas destas expedicións e os actos protagonizados no mar.

O 7 de setembro regresou outravolta o Xurelo á zona da Foxa Atlántica acompañando ao Sirius e ao Cedarlea, ambos de Greenpeace. Perseguen evitar que os cargueiros Rijnborg e Marijke Smits baleiren no mar 7.000 toneladas de materiais radiactivos. Foi daquela cando tres persoas conseguen empoleirarse no Rijnborg: o galego Modesto Solla, o alemán Harald Zindler e o norteamericano Rusell Wray, que despois de pasar 30 horas na cabina das grúas alxemados, foron detidos, xulgados en Holanda e expulsados do país. Foi case o derredeiro episodio en alta mar da loita contra os vertidos radiactivos.

Modesto Solla, o día que nos encadeamos ao barco

O secretario xeral de Adega en 1982, Modesto Solla, era un avogado de 24 anos cando embarcou no Sirius. Hoxe que exerce como interventor en Redondela, lembra aqueles días no barco de Greenpeace “ao principio íamos ao Rijnborg subir seis persoas, con cadeas e alimentos, pero tivemos que desistir. Planificamos para o día seguinte unha acción, pola que entramos tres persoas só, con buzos para non rozarnos e só unhas alxemas, mentres do outro lado do barco as lanchas distraían á tripulación. Gabeamos polas grúas e pedímoslle aos tripulantes que abandoaran as cabinas, cousa que fixeron sen problemas. Permanecimos trinta horas alí metidos, sen comida nin auga. Finalmente subiron alegando unha orde xudicial e cortaron as alxemas, transladándonos a un compartimento de proa do buque, destinado a pinturas e diversa quincalla, chea de graxa e aceite, cunhas colchonetas e cadansúa manta. Mantivéronnos incomunicados co exterior e despois, polas presións de fóra, metéronnos nun camarote. O día quince de setembro chegamos a un porto holandés e, aínda que nos recibiron “en nome da raíña Xiana” decontado nos levaron para comisaría. O xefe da policía dicía que estaba dacordo con nós, pero que non tiña outra. Para a vista xudicial pedín que me trouxeran un intérprete de portugués e como non tiñan acabei declarando en francés. Botáronnos do país. Fou un chanzo máis porque finalmente acabouse logrando un triunfo importante detendo os vertidos no Atlántico”.

Xan Carballa

Fonte: Da Foxa Atlántica a Londres, crónica dunha vitoria popular

A Nosa Terra

Publicado por Birnarem
128 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos