O día 12 de outubro celebrouse na Coruña o día da bici. Nela participaron os máis laureados ciclistas galegos: Oscar Pereiro, David Blanco, Luis Oliveira, Ezequiel Mosquera, ...
Nesta marcha estaban tamén Masa Crítica Coruña, para reivindicar o uso da bici como medio de transporte e sacar a relucir que o Concello da Coruña tan só fai actos propagandísticos (coma este día da bici), pero que á hora de fomentar o uso de transportes alternativos ao coche particular (a bici, transporte público, ...) non se molla. Necesitamos máis carrís bici, que non estén cortados, para a comunicación entre barrios, que vaia polo centro do casco urbano e non só pola periferia (paseo marítimo), é urxente a comunicación segura en bici cos concellos limítrofes, ...
E agora que se van achegando as eleccións necesitamos saber o compromiso de cada partido político coa mobilidade, porque necesítanse medidas urxentes e compromiso.
Aproveitando o evento, deuse a coñecer unha campaña de toma de firmas, o texto é o seguinte:
Os firmantes, todos cidadáns de A Coruña, en vista da campaña realizada polo noso goberno local na semana do 16 ao 22 de setembro de 2006 sobre a mobilidade e o cambio climático, e aceptando como irrebatibles os argumentos presentados e considerando como inaplazables as medidas propostas, esiximos o cumprimento dos tratados internacionais vixentes, para o que cremos necesario a adopción, entre outras, das seguintes actuacións:
Pacto pola mobilidade: creación dun foro participado por todos os grupos políticos, entidades, asociacións veciñais, sociais e cidadás, co fin de debater a mellora da mobilidade na cidade con criterios reais de sostenibilidade.
Plan director e observatorio da bicicleta e do peón: Promoción de medios de transporte alternativos ao automóbil e, en particular, creación dunha rede de itinerarios funcionais para peóns e ciclistas.
Plan director e observatorio do transporte colectivo: Priorización do transporte colectivo e incentivar o uso compartido do vehículo particular.
Xoán — 14-10-2006 17:16:39
Birnarem — 16-10-2006 12:13:03