Carballo volve un ano máis a converterse na capital de todo o mundo mundial da música pop os próximos días 22 e 23 de setembro..., o motivo?, pois claro, o IX POPXIRIAPOP.
Despois do paso de bandas como Waistcoats, Cosmic Rough Riders, Deluxe, Elephant Band, Jet Lag, The Sunday Drivers, Biscuit, Fortune Tellers, Mistakens, Niño y Pistola, The Phantom Keys, Niños Mutantes…, confírmase para esta edición a totalidade do cartel que se estaba a barallar, coas presenzas, finalmente, dos “astros internacionais” Roy Loney & The Longshots e Chris Wilson & The Groovin Flames (ambos os dous, ex-Flamin´ Groovies), así como a dos nacionais Big City, Los Chicos e The Charades, e a dos nacionais nacionais MEU, Burgas Beat e Annie Hall.
ROY LONEY & THE LONGSHOTS Sábado 23
Roy Loney, o mítico fundador dos míticos Flamin´Groovies, ademais dos Phantom Movers, e os Dilettones, visita o PopXiriaPop nesta súa única visita a Galicia, e para presentar en directo os novos temas, os do até agora o seu último álbum publicado "Drunkard In The Think Tank". O abuelete Roy, responsable xunto con Ciryl Jordan do maxestoso “Teenage Head”, ademais dos moi bos "Supernazz" e "Flamingo", está en plena forma, e ademais acompañado por unha banda de auténtico luxo: Jim Sangster (Young Fresh Fellows), Joey Kline (Squirrels, Plaintiffs), Graham Black (Model Rockets) e Johnny Sangster productor de Mudhoney, Boss Martians e Supersuckers entre outros. Rock&roll coma case que ninguén pode facelo nestes momentos. Un sabio (de usa, non de hortaliza, je je je).
Máis información
CHRIS WILSON & THE GROOVIN FLAMES Venres 22
Se contar coa presenza de Roy Loney sobre o noso escenario xa é un honor, engadirlle a Chris Wilson e xuntar no mesmo cartel a dúas pezas fundamentais dos Groovies, é unha “GHOSADA”; as dúas caras dunha única moeda, a máis rockeira, e a máis popeira, a USA e a UK.
Chris Wilson substituíu en 1972 a Roy Loney cando este deixou os Groovies, e pode presumir de ser parte fundamental nun disco tan importante na historia do rock&roll como o “Shake Some Action”, non o pode dicir calquera; unha vez disolutos, un montón de proxectos en solitario ou en grupos de curta traxectoria, destacando o seu proxecto cos The Sneetches, e o seu encontro cos Barracudas, que o puxeron de novo na estrada aplicándose basicamente co repertorio Groovie. Tamén está en plena forma (hai que atalo curto), e tamén está rodeado dun conxunto de músicos máis que interesante, por exemplo, dos xa citados Barracudas, ou de The Scientists. A pechar os ollos, e a bailar.
THE CHARADES Sábado 23
O cuarteto formado por Isabel (Ex Electrobikinis), María, Coky e Guillermo, aterrarán sobro o noso escenario cun potente directo POP (as maiúsculas son intencionadas), melodías marabillosas, voces preciosas e coros fantásticos..., alguén pode pedir máis para un grupo POP?, todo, por certo, tamén condensado no aínda fresco primeiro disco longo da banda "When Shining Blue" (Corea Discos); a finais de setembro, se queres repañar os derradeiros raios de sol, ven velos, California a todo gas.
MEU Venres 22
Tamén das cinzas da Elephant Band xurdiu este proxecto, que conserva a actitude dos devanceiros, pero agora sen un encadramento claro. Ambigüidade calculada. Os Meu naceron para alternar coa creme do punk-power-pop, clase e máis enerxía, “directos, uppercuts, ganchos”, todo dende o primeiro asalto, non hai garda que os aguante, finalmente, sempre rematas K.O. Os Meu presentan melodías claras e executadas contundentemente, veteranía e solvencia, moita solvencia. "What´s Up" (Rock On! Music), neno!, o seu disco de presentación non está a pasar precisamente inadvertido, coma eles, que xa veñen de tocar, por exemplo, no Primavera Sound. E ademais de aquí, que coño!, que non vai ser todo fútbol.
Máis información
BIG CITY Sábado 23
California anos 70, dreamin e máis non dreamin, folk-rock; hai non, Zaragoza 2006, pero ben, podería ser, non creo que por exemplo os Byrds se enfadasen se esta “gran cidade” os pretendese suplantar, nin tampouco os Crazy Horse, si os de Neil Young; unha grande e descoñecida banda nacional, cun único e boísimo disco (ademais longo) "A Spring Of Summers" (Grabaciones en el Mar). A descubrir.
Máis información
LOS CHICOS Sábado 23
Metemos nunha botella de dous litros calimocho, blues, soul, garaxe e rock&roll, axitamos e o que imos beber é LOS CHICOS (70º), co permiso deles, iso si, que son os que máis beben (calimocho); unha mestura explosiva de todo iso, combinada cunha actitude absolutamente desconcertante, producen como resultado festa, festa e máis festa.
Xa levan catro anos rulando, incluídas tres xiras por UK, e concertos acompañando a vándalos do calado de A-Bones, Mike Mariconda, King Khan e outros moitos; tal é a súa calidade que até o mesmísimo Beck –si, o americano este que estivo tocando na Coruña con Neil Young– confesou ser fan de LOS CHICOS; aquí veñen a presentar o seu incendiario segundo LP "Fat spark" (H-Records), e a probar os calimochos de Ribeiro e Mencía.
Máis información
BURGAS BEAT Venres 22
Despois, tempo despois do “delicioso fracaso” de COSECHA ROJA, practicamente a mesma formación, rebautizada, reaparece como BURGAS BEAT –en Ourense, claro–, e amósannos un feixe de cancións que ninguén con dous oídos que funcionen pode rexeitar, curradas, bonitas, e intelixentes, POP-ROCK; nin descubriron a pólvora, nin falta que lles fai, pero se lles prestas un mínimo de atención, ti si vas descubrir un auténtico grupazo; en calquera lista do mundo mundial debería soar "Cuando llegue el buen tiempo", un HIT.
Máis información
ANNIE HALL Venres 22
Os xuvenís do festival, formados no ano 2003, apañan o traballo que en Ourense vén facendo Burgas Beat e presentan a proposta máis indie desta edición; no 2004 gravan unha maqueta nos estudios Muu de Vigo, e en outubro do 2005 xa gravan con Paco Loco o que será o primeiro traballo en serio, e listo para ser editado. Son bos, bonitos (son novos), baratos (de momento), e ademais compartímolos co FELIPOP.
IX FESTIVAL POPXIRIAPOP