Un despregue policial contra a venda ilegal na céntrica rúa coruñesa acaba coa detención de máis dunha decena de subsaharianos que se viron sorprendidos por numerosos axentes de paisano.
Unha contundente operación policial na rúa Real sorprendeu onte ás decenas de inmigrantes que cada noite despregan a súa mercancía a ambos lados da vía. Máis dunha decena de detidos e moita mercancía incautada, segundo testemuñas dos feitos, foi o saldo dun despregue que causou susto e indignación entre os desconcertados viandantes.
A xente paseaba tranquila ás dez e media da noite entre os postos de comercio ilegal da céntrica rúa coruñesa, que vira na última semana como o número de vendedores aumentara considerablemente.
Relatan testemuñas oculares que unha furgoneta do Corpo Nacional de Policía asomou as súas luces na entrada á rúa pola Rúa Nova. Un dos ambulantes intentou dar o aviso ao resto de compañeiros. Pero decenas de axentes de paisano que se repartían nos arredores de cada un dos postos iniciaron a operación á orde dun forte "¡xa!" que escoitaron todos os paseantes.
Procedeuse nese momento á detención dos que non se resistiron e á persecución dos que iniciaron unha rápida carreira, con éxito ou sen éxito.
Na redada participaron varios vehículos da Policía Nacional -motos, coches e furgonetas- ademais de varias unidades da Policía Local, que pecharon os accesos á rúa Real no momento da intervención.
Trala actuación, un nutrido grupo de cidadáns mostrou o seu desacordo coa actuación policial, chegándose a enfrontar verbalmente con algún dos axentes que controlaban o acceso á zona.
Os arrestados atópanse en dependencias da policía nacional, onde os investigadores intentan identificar a todos eles para logo poñelos a disposición xudicial. Se demostran que estes homes e mulleres atopábanse na vía pública vendendo material pirata serán acusados dun delicto contra a propiedade intelectual, polo que poderían ser condenados a penas superiores ao ano de prisión, aparte das correspondentes ordes de expulsión do país no caso de que están en España en situación irregular.
Pola súa banda, os comerciantes da zona centro aplaudiron a operación. Durante anos, moitos deles denunciaron a presenza de decenas de vendedores ambulantes na rúa Real e as súas inmediacións. Quéixanse, sobre todo, da mala imaxe que ofrecen, de ocupar as súas escaparates e de competencia desleal.
Quen non se mostra a favor da contundente redada foron os sindicatos. por unha banda, denuncian a “excesiva e desproporcionada violencia” empregada polas forzas da orde -actuaron decenas de policías de paisano e varios coches patrulla, motos e furgonetas-. Esa mesma queixa coincide coa reacción dalgúns viandantes, chamando á calma aos axentes e pedíndolles a berros que non se empregasen con tanta dureza.
Os sindicatos recordan ás autoridades que “vaian a por os que alentan a piratería e válense dos inmigrantes para gañar grandes sumas de diñeiro”.
Auténticamente lamentable a actuación policial, empregando métodos militares e perfectamente coordinados para borrar do mapa aos inmigrantes, parabéns para os defensores da SGAE e os grupos de poder e cartos. Lamentables tamén as opinións dos comerciantes (se é que se axustan á realidade ou son froito da declaración tan só dun pequeno número deles). Primeiro, mala imaxe dan eles e non os inmigrantes e non por iso solicito que interveña a policía para retiralos a todos dos comercios do centro, segundo, ocupan ás veces zonas de escaparates pero sempre unha vez os comercios pechados, polo que como non queiran vender por telepatía desde casa iso non lles afecta, e terceiro competencia desleal é a de nike ou reebok que explotan á xente para gañar máis ou a dos grupos leiteiros que pagan o leite ao prezo que lles da a gana ou carrefour que moitas veces vende por baixo do prezo de mercado e se aproveita pagando aos proveedores a varios meses cando eles cobran cáse sempre ao contado.
Por certo, a ver se podemos saber cando haberá unha concentración de apoio aos inmigrantes, porque para min é de xustiza cando menos facer iso.