A novena edición de Viñetas desde o Atlántico anúnciase como realmente completa. Unha grande lista de autores convidados con cadansúa mostra, entre os que se encontran Bruce Timm, Manu Larcenet (guionista e debuxante de Os combates cotiás, premiado como o mellor álbum publicado en 2004 no festival de cómic de Angouleme), Frederik Peeters, Frédéric Delisle, Jessica Abel e Brent Anderson compoñen un cartel internacional do máis variado. Desde máis preto visítannos Ángel de la Calle (debuxante e guionista de Modotti, unha muller do século XX), Felipe Hernández Cava (guionista de O Cubri), Kim, Fermín Solís e Lorenzo Gómez. A nivel galego, unha ampla mostra do colectivo Polaqia completa un programa do máis extenso.
Tanto material fai que a actividade se expanda nesta ocasión ao Aquarium Finisterrae, que acollerá unha mostra sobre BD e Mar. Canda a esta sede, o Kiosko Afonso, o Pazo de María Pita, a sala de exposicións da rúa Durán Loriga e mais o centro Palexco repártense as exposicións e presentacións, e o Colexio de Arquitectos acollerá un percorrido desde os anos cincuenta pola presencia da arquitectura no mundo do cómic á que se suma aínda outra sobre o cómic e a Guerra Civil. O salón desenvolverase entre o 14 e o 20 de agosto na Coruña, e nel está previsto que se presenten abondosas novidades, coma a primicia internacional dunha nova aventura do Silver Surfer.
Fonte: Viñetas a tope (en Cultura Galega)
Cultura Galega