Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Festival de Ortigueira 2006. Reflexións e recomendacións

Archivado en Opinións, delirios e reflexións varias • Fecha: 20-06-2006 13:52

Xa é público o cartel do festival de Ortigueira 2006. E como todos os últimos anos teño que dicir o mesmo, que é unha mágoa perder o festival con máis encanto de música folk e galega para convertilo nun festival supermasificado, comercial e sen personalidade. Tampouco me fagades moito caso nas queixas, a verdade é que estiven moi cómodo nos primeiros festivais despois do parón e fáltame esa sensación nos últimos festivais.

Non me acaba de convencer que moitísima xente que acude ultimamente ao festival o faga exclusivamente buscando unha acampada borracheira con miles de persoas ao carón e non teñan nin curiosidade por saber qué concertos hai, simplemente quedan na zona de acampada escoitando Nirvana e cousas así a todo volume (e non teño nada contra este grupo, que conste).

Tampouco que a maioría da xente que acude aos concertos busquen tan só incrementar a euforia do alcohol con cancións monótonas e rítmicas, está ben, pero que eles tamén respecten aos músicos cando deciden combinar ese tipo de música con cancións máis lentas ou emotivas. Como exemplo a actuación do grandísimo grupo irlandés Altan creo recordar que no 2004, que ten no seu repertorio cancións lentas de grande emotividade e misticismo das que gosto moito e que quixeron mostrar en parte no festival (son parte esencial do grupo), a xente non só non aplaudiu, senón que non respetou cando as estaban interpretando con marmullos e algúns asubíos, incrible, eu entendería que acabasen así o concerto, de feito, coma eu, parecían bastante molestos por esa falta de respecto.

Aínda así, hai xente que gosta moito deste festival e quizais é posible ter moi boas experiencias nel, desde logo se nunca estivestes unha visitiña algún ano é obrigada.

Este ano continúan cos golpes de efecto marketinianos e comerciais cun espectáculo o venres que me suscita bastantes dúbidas, a pesar de que formen parte del xente de categoría coma Budiño, Leilía ou Uxía. Aproveito aquí para comentar que logo de dous discos magníficos (o segundo é absolutamente xenial), Budiño perdese un pouco o norte no seu tercer e último disco (dende o meu punto de vista claro). A pesar diso convén felicitalo pola súa exitosa xira por América, que abre novos camiños para a nosa música, e serve para que moitos se decaten que a nosa música pode vender sen necesidade de inventarse fusións con flamencos ou trobas tropicais.

O sábado actúa un grupo bretón, Bagad Beuzeg. Os grupos bretóns sempre fixeron unha música moi particular, ou gusta ou non, pero ninguén queda indiferente. O grupo non o coñezo, así que haberá que escoitalos para opinar. Original Kokani Orkestar, encherá de música do leste o festival cos seus instrumentos de vento, tampouco os coñezo. O clásico grupo asturianu Llan de Cubel ten unha longuísima e éxitosa traxectoria, música rítmica, con gusto, a min sempre me tiveron un airea aos magníficos Tannahill Weavers, recomendados. Solas é un grupo de música irlandesa que combina cancións rítmicas clásicas con violíns sobre todo e cancións cantadas con moito gusto, pero que non aportan tampouco nada especial ao panorama celta salvo algunha canción concreta, máis do de sempre, iso sí moi ben interpretado. Xochilmica gañaron o ano pasado o concurso para grupos noveis, fan unha música divertida, rítmica, con moitos matices e cun sonido magnífico, do mellor das novas promesas galegas, seguro que o seu concerto será unha festa e promete o feito de que anuncian invitados sorpresa (a ver se contamos co xenial Óscar Fernández e algún outro).

O domingo é un día magnífico de concertos, mágoa que sexan tan tarde. Ao grupo Session A9 non os coñezo, pero tentarei escoitalos porque moitos dos seus membros realizaron colaboracións con Capercaille, Wolfstone ou The Boys of the Lough. Four men and a dog basean a súa música en moitas cancións cantadas e os sonidos da guitarra, pero tamén en instrumentais con violíns ou acordeón, non están mal e teñen moitos discos ás súas costas. Berrogüetto xa os coñeceredes, por fin teñen novo disco e o amosarán aquí, non o perdades. Gwendal é un inigualable grupo bretón que comezou a súa andadura nos principios dos setenta (ahí é nada), comezou con discos con moitas influencias do jazz e cun particular son que os identifica en todo momento, co tempo foron cambiando de membros e perderon en parte esas influencias jazzísticas, pero mantiveron ese son tan especial que os caracteriza, altamente recomendados.

Quedan máis festivais por descobrer, como a Carballeira de Zas, o Festival de Pardiñas ou o Intercéltico do Morrazo, a ver que cartel traen este ano.

Máis nada, pasádeo ben se ides e se sodes de Coruña tede en conta compatibilizar o Festival de Ortigueira co Festival Manicómicos, o venres actúa Mofa e Befa (os clásicos cun novo espectáculo) e o sábado a Familie Flöz (incríble teatro de máscaras desde Berlín).


Cartel do Festival de Ortigueira


Máis opinións sobre o festival, desta vez de emilio’s blogue

Publicado por Birnarem
456 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos




LaInformacion.com lainformacion.com - Medio Oficial de los Premios Bitacoras 2009