Agustín Lorenzo, responsable do IMCE, xunto a Willy Éter e demais membros da Asociación Cultural Manicómicos, presentaron onte no Fórum Metropolitano a programación de actividades do terceiro festival internacional de teatro Manicómicos, que se celebrará por toda a cidade durante a primeira quincena de xullo. Do 1 ao 16 do próximo mes, un sinfín de actividades teatrais ofrecerán unha variada oferta de entretemento. Leo Basi, Pierre Byland e Familie Flöz serán as figuras internacionais que participarán nesta edición do certame.
Por terceiro ano consecutivo o festival converterá á Coruña na "cidade da risa" con dúas semanas dedicadas á mellor comedia internacional e autóctona en bares, prazas e auditorios. O programa incluirá tamén cursos de formación impartidos, entre outros, por Leo Bassi e Pierre Byland.
A rúa cobrará especial protagonismo, xa que a festa abrirase o sábado 1 de xullo cun numeroso pasarúas conformado por moitos dos actores participantes que rematará na praza de María Pita, onde se celebrarán as primeiras actuacións de rúa que coparán os tres fins de semana do festival de 18h a 20h.
As actuacións teatrais irán percorrendo os diferentes escenarios da cidade. No Forum Metropolitano actuarán: Pierre Byland (Confusion) o día 5 ás 21h, Berrobambán (Diariamente) o día 6 ás 19h, San&San (Bar) o día 14 ás 21h e o Cabaret Manicómicos (Glum) o día 15 ás 22h. No Teatro Rosalía de Castro actuarán: Mofa e Befa (Sempre ao lonxe) o día 7 ás 21h e Familie Flöz (Teatro Delusio) o día 8 ás 21h. E no Palacio da Ópera actuará Leo Bassi coa súa polémica obra “La Revelación”, con previsións de cheo total.
Para as sesións golfas estarán os bares. Polo pub The Dog´s Bollocks do Paseo das Pontes pasarán Frikiki Show, onde ou absurdo cobrou vida, o cómico Xosé A. Touriñán, coa proposta cómica Manolo Lojo e Manitroupe, unha jam session de humor sen fin coa participación dos artistas que pasen eses días pola cidade.
Nos cursos de formación ademáis de Leo Bassi (Buscando a nosa identidade cómica) e Pierre Byland (Homo Stupidens) o programa inclúe a aprendizaxe de técnicas aéreas de circo (trapecio e teas) por Almacabra e o curso de maquillaxe e caracterización impartido por a arxentina Andrea Custo.
Toda a información detallada e as novidades que vaian xurdindo a atoparás na páxina web do festival: http://www.manicomicos.org.