Hoxe e mañá ás 20:30h no Forum Metropolitano da Coruña as escolas de teatro da Coruña e Narón farán unha representación que dará mostra do traballo que están a realizar. A mostra está organiza por San&San e as actuacións serán:
Día 13: Casa Hamlet (A Coruña) - San & San (A Coruña)
Día 14: Teatro del Andamio (A Coruña) - Escola de Teatro de Narón
O prezo da entrada será de 2 €.
CASA HAMLET: Estudio de teatro fundado en 1998 por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández. Mantén dende entón un curso académico de outubro a xuño con aulas diarias de materias básicas como expresión corporal e oral e a interpretación. Ofrece ademais cursos especiais de Comedia dell’Arte, pantomima, escrita teatral, historia do teatro, teatro infantil, así como foros e aulas abertas. Publica tamén a súa propia revista e manual de teatro e mantén unha compañía profisional e un obradoiro cos seus alumnos. Contan co patrocinio da Deputación da Coruña.
Hoxe presentan: “O cuarto Príncipe”, poemas inspirados en Sarah Kane.
SAN&SAN: Compañía profesional de teatro nacida na Coruña no ano 2000, creada por Pablo Sánchez e Carlos Sante. Aposta fundamentalmente por un teatro de humor xestual e físico e de creación propia. Dende o 2001 ven educando a novos valores na súa escola independente da “sala do trinke” en técnicas como teatro físico, máscara, clown, comedia dell’arte , improvisación, creación de personaxes, acrobacia, loita escénica, claqué. Nos últimos anos inclúe como ensino a interpretación ante a cámara e produce, a nivel amador, unha serie de curtametraxes cos alumnos.
Hoxe presentan: Diferentes números creados polos seus alumnos (clown, máscara, loita escénica, claqué, ...).
TEATRO DO ANDAMIO: Comezou a funcionar na Coruña no 2002, e dende entón mantivo tres liñas de traballo diferenciadas: a escola de formación actoral, encamiñada a dotar aos alumnos da técnica necesaria para a súa profesionalización, a compañía profesional en sí, que se nutre dos propios alumnos, e a súa sala de teatro alternativa, onde se representan os espectáculos creados pola compañía, así como por outros grupos profesionais galegos. Ademáis imparte cursos de teatro para nenos, adolescentes e maiores.
Hoxe presentan: Traballos producidos polos seus alumnos ao longo do curso.
ESCOLA DE NARÓN: Escola dependente do Padroado de Cultura do Concello de Narón. Imparte un total de once asignaturas relacionadas directamente co oficio da interpretación actoral nos dous ciclos formativos dos que consta ao longo de cinco anos: aproximación ao teatro, teoría e historia teatral, interpretación, voz, teatro físico, creatividade dramática, posta en escea, montaxe de espectáculos, danza e música.
Hoxe presentan: Traballos producidos polos seus alumnos ao longo do curso.