O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou esta mañá en Santiago as novas aplicacións informáticas en software libre que se poderán descargar de balde dende mañá, 17 de maio, do portal mancomun.org. En concreto, Fernando Blanco presentou a tradución ao galego do paquete ofimático Open Office 2.0, así como dun corrector ortográfico baseado na normativa oficial da lingua galega actualmente vixente.
Fernando Blanco asinou ademais dous convenios de colaboración coa Real Academia Galega e coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia para a presenza na rede de materiais lingüísticos en galego e para o seguimento da extensión da banda larga.
O conselleiro nacionalista explicou na presentación desta iniciativa que non se trata dunha actuación “illada”, senón que, ao contrario, forma parte da Iniciativa Galega polo Software Libre xa presentada o pasado 10 de maio e que recolle o compromiso que a Xunta de Galicia asume coa promoción do software libre.
Este paquete pódese actualizar a través da propia rede e agora preséntase por primeira vez traducido ao galego, para estar dispoñible dende mañá, de maneira gratuíta, para todos os usuarios de Galicia (mancomun.org). Asemade, na tarde de mañá repartiranse os primeiros 500 Cd’s con Open Office na Alameda de Santiago de Compostela, nos cibercamións do Arredemo Lab de A Cultura Circula.
Pola súa banda, o corrector ortográfico presentado hoxe, tamén descargable dende mañá na páxina mancomun.org, baséase na normativa oficial da lingua galega actualmente vixente, que se rexe polas normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego publicadas pola Real Academia Galega en decembro de 2003. Tanto o léxico coma a morfoloxía nominal e verbal contemplarán todas as solucións dadas como correctas nas normas da RAG.
O corrector utiliza o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGA), propiedade do Instituto da Lingua Galega (ILGA) e da Real Academia Galega (RAG). O dicionario empregado conta con 7 millóns de palabras, delas máis de 30.000 son lemas, máis de 500, abreviaturas, máis de 1.500 nomes e apelidos e máis de 400, siglas e acrónimos. O corrector axústase ao estándar en corrección lingüística (funcións de comezar, deter, ignorar, cambiar, engadir...) e corrixe erros de sufixos e terminacións, de formación do plural, de acentuación, da segunda forma do artigo, de conxugacións, etc.
Produción de servizos e contidos web de interese galego
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou tamén un convenio de colaboración co presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, para a presenza na rede de materiais lingüísticos de grande utilidade e alta calidade, para o uso xeneralizado dos galegos e galegas.
En concreto, a Consellería investirá 36.600 euros para o proxecto de dicionario monolingüe e a súa instalación en Internet; 8.000 euros para a posta en rede do Mapa Sociolingüístico de Galicia, publicado xa en material impreso e cuxa dispoñibilidade na rede contribuirá a dar un bo servizo e a fomentar a sociedade da información; e 18.000 euros para a realización dunha colección de dicionarios bilingües.
Fonte: Open Office en galego (novas da Xunta de Galicia)
Descarga o Openoffice en galego
Agora tamén está disponible unha extensión para o Thunderbird (xestor de correo da fundación Mozilla) versión 1.5, para poder instalar o corrector de galego do OpenOffice.org 2, así poderemos revisar a ortografía dos nosos e-mails dende o mesmo xestor de correo.
Corrección ortográfica no xestor de correo Thunderbird
Descarga Directa do corrector para o Thunderbird
Mancomun.org