Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

11 maio 2006, tod@s á Folga Europea de Estudantes

Archivado en Novas Quentiñas • Fecha: 09-05-2006 12:43

Tod@s @s estudantes universitari@s vémosnos afectade@s pola aplicación da reforma universitaria que xa está en marcha, cuxa finalidade é a construción dun Espazo Europeo de Educación Superior. As directrices que se están seguindo foron establecidas polo Plan Bolonia, e claramente responden a unha lóxica dominada por criterios empresariais que implica a mercantilización da educación e a entrada do financiamento privado na Universidade. O motivo da reforma non é a mellora da universidade, para o que seriamos @s propi@s estudantes quen deberiamos ser consultados. Pero ninguén nos preguntou e si en cambio ás empresas. Desde A.C.M.E pensamos que @s estudantes debemos responder aos responsables de que esta reforma se leve a cabo, a autoridades políticas e académicas, mediante a mobilización. Debemos deixar clara a nosa oposición ás medidas que xa están sendo aprobadas polo Ministerio e que nos son impostas pola decisión duns poucos.

Os Posgrados (2º ciclo nas novas estructuraciones das titulacións) van ter prezos desorbitados. Nun principio foron fixados e aprobados polo Ministerio en 1800 euros, pero a consecuencia das mobilizacións estudiantís recentes rectificaron. @s estudantes que queiran acceder ao Posgrado terán que desembolsar a módica cantidade de 1400 euros por curso. ¿Como poden denominar estas cifras como “prezos públicos” sen que se lles caia a cara de vergonza?. ¿Cantos de nos imos poder superar esta auténtica barreira económica para exercer o noso dereito á educación superior?

Outra das grandes vantaxes da reforma é a desaparición das actuais becas. A partir de agora teremos que hipotecarnos para poder estudar. As becas serán substituídas por becas-préstamo, o que significa que unha vez accedamos ao mercado laboral tras obter o título teremos que devolver o diñeiro prestado con parte do noso soldo. ¿Por que en lugar de ir cara a unha universidade gratuíta imos en dirección contraria?

Será obrigatorio para a obtención do título de Grado realizar 1 ano de prácticas en empresas ou institucións. E estaremos todo ese ano traballando gratis, porque se decidiu que as prácticas non sexan remuneradas ¿Darannos tras ese ano tamén o título oficial de Escravo?

O novo sistema de créditos (ECTS; European Credit Transfer System) propón medir non xa os resultados académicos senón o tempo dedicado ao estudo. Curiosamente, estímase que a “xornada media” do estudante é de 40 horas semanais, excluíndo así a todo aquel que necesita simultanear a carreira co traballo. Isto sumado á restricción de acceso ao Posgrado supón unha evidente elitización da educación superior.

Con palabrería pedagóxica propóñennos un modelo “centrado no alumno”, eufemismo que oculta a intención de converter a educación superior nunha formación exclusivamente profesionalizante. Ao reducir o tempo de estudo e baleirar de contido as carreiras convértennos en man de obra descualificada, que non sabe de nada e serve para todo; traballador@s precari@s preparad@s sempre para adaptarse ás demandas cambiantes do mercado. Dá igual o que se aprenda porque os coñecementos caducan, hai que reciclarse constantemente e formarse no que a empresadispoña en cada momento (por suposto a cargo do peto propio ou do empresario que decide que e como aprendes).

A Educación é un dereito e debe ser un servizo público ao servizo do ben común e non dos intereses privados. As empresas non teñen nada que dicir acerca da Universidade, non son interlocutores válidos e por iso rexeitamos un proceso de Converxencia Europea que desde o principio respondeu ás súas demandas e nunca ás da comunidade universitaria.

Por iso, para loitar contra esa idea da Universidade como un espazo onde investir e obter rentabilidade, os días 24 e 25 de marzo estudantes de toda Europa reuníronse no Foro Europeo de Bakaiku e decidiron convocar unha FOLGA EUROPEA O 11 DE MAIO DE 2006 e saír á rúa para reivindicar a voz que durante todo este proceso negóullenos. A universidade habémola de construír nós; estudantes, becarios e profesores, é dicir, todos aqueles que traballan e estudan na Universidade, en primeira persoa e sen directrices nin intromisións da empresa privada e das institucións que lle dan cobertura. A Universidade é nosa, de tod@s, e imos defendela.

A EDUCACIÓN É UN DEREITO E NON UN NEGOCIO
FÓRA EMPRESAS DA UNIVERSIDADE
NON Á PRECARIZACIÓN DAS nosas VIDAS

O 11 DE MAIO TOD@S Á RÚA

A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO

Asamblea contra la mercantilización de la educación

Publicado por Birnarem
169 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos