Joel Sangronis Padrón
Conta o autor colombiano Gustavo Wilches-Chaux no seu libro “E qué é iso, desenvolvemento sostible” a anécdota dun “experto” en productividade e eficiencia que observou a un pescador recostado na súa hamaca fronte a un río; á hora do xantar o home lanzou un anzol ao río e aos 10 minutos sacou un gran peixe; ao levarlle o peixe á súa muller, da mata de plátanos situada á beira da súa casa cortou un que a súa muller fritiulle conxuntamente co peixe para xantar. O experto achegóuselle ao home e comezou a interrogalo:
“Amigo se en 10 minutos cun só anzol sacou un peixe, con 10 anzois sacaría 10 peixes, ¿verdade?” “¡Así é!”, respondeu o pescador. “¿E nunha hora?” “¡Pois sesenta peixes!”. “¿E en 8 horas de traballo?” “Catrocentos oitenta peixes”, calculou o noso pescador.
Calculadora en man o “experto” continuou explicándolle: “En trescentos días de traballo ao ano sacaría 144.000 peixes e se pedise un crédito para comprar un ou dous barcos e camións cavas para transportar o peixe mais ou menos en 20 anos tería unha gran empresa con moitos empregados que traballarían para que el puidese darse o luxo de estar todo o día deitado nunha hamaca”. “¿E para que vou esperar 20 anos e tomarme tantos traballos?, preguntou o pescador, se iso é precisamente o que estou facendo agora, ademais, o máis seguro é que con ese ritmo de explotación dentro de 20 anos xa non quede nin un só peixe no río”.
A anécdota do autor colombiano ilustra con bastante claridade unha das trampas na que desde que nacemos estamos inmersos os habitantes da sociedade contemporánea: a trampa da competitividade, da acumulación de cousas e logros materiais como única vía á felicidade e á realización plena da vida. Posuír é a obrigación que nos impón o modelo social no que vivimos; desde os nosos primeiros pasos na vida impónllenos competir e posuír como fins en se mesmos.
A familia, a escola, os xogos, os medios de comunicación, as normas sociais e as metas que este modelo cultural obríganos a impoñernos empúxannos a unha carreira sen fin por posuír, por acumular, por competir e sobresaír en todas e cada unha das facetas da nosa existencia. Ensínasenos a desprezar ou a ignorar o pracer de facer as cousas unicamente polo gusto de realizalas, pola intima ou compartida satisfacción do traballo ben feito ou polo esforzo realizado, sempre ese traballo, esforzo ou logro medirase en termos de mellor ou peor co que outro obtivo o realizado; a solidariedade, a cooperación e a falta de agresividade son deslexitimadas e etiquetadas como obstáculos que estorbarán ou impedirán ser “alguén” na vida. Xa de adultos o éxito mídese, ou mellor, se contabiliza, case exclusivamente pola cota de poder, pola capacidade adquisitiva ou pola fama individual que a persoa logre obter, sen importar en absoluto os medios a través dos cales logre eses fins.
A propia dinámica do capitalismo xera un home individualista, utilitarista, empuxado a competir e sustentado pola ambición, porque neste modelo, xa o sabemos, ter equivale a ser.
O verdadeiro e xeralmente oculto drama do individualismo e a competitividade é que produce un só triunfador a costa de innumerables perdedores.
O neoliberalismo veu a desempeñar nos últimos tempos a sustentación filosófica do modelo capitalista. No neoliberalismo a ambición persoal (motor da competitividade) é lexitimada e sacralizada como unha virtude e un valor que xera riqueza e benestar (aínda que sería mellor dicir “benter”); pero o propio sistema fai que a ambición persoal xamais estea satisfeita: se vostede por fin comprou un coche usado o sistema creará pronto en vostede a ambición de adquirir un modelo económico novo. Se vostede decide endebedarse cun banco para adquirir ese modelo económico novo moi pronto a publicidade e o seu entorno social faranlle soñar con adquirir un modelo de luxo; se vostede violentando as súas posibilidades económicas adquire ese modelo de luxo, antes de darse conta haberá no mercado un novo e mais atractivo modelo e así ata o infinito, convertendo a existencia nunha carreira de ratas por adquirir cousas, por ter máis que os nosos irmáns ou amigos de infancia, ou que os nosos compañeiros de traballo ou estudo ou que os nosos veciños, nun estilo de vida onde a presión por sobresaír, logrou que o estrés, os accidentes cerebrovasculares, os fogares fracturados, o consumo de alcohol e outras drogas e os problemas depresivos sexan cousas normais e comúns.
A maioría dos pais convertemos a formación escolar dos nosos fillos nunha tortura, nunha carreira en contra de todos os seus compañeiros e deles mesmos, salpicada con todos os obstáculos que en forma de cursos de inglés, talleres de creatividade, flamenco, computación, escolas de béisbol, karate, tarefas dirixidas, modelaxe e comportamento social e plans vocacionais logramos impoñerlles, afastando como unha horrible perda de tempo calquera intento dos nenos por socializarse por se mesmos e crear ou escoller as súas propias diversións, o seu tempo libre, os seus xogos e os seus procesos de formación ou afastando a oportunidade de simplemente compartir espazos e tempo de calidade cos seus pais e irmáns, creando desde a infancia seres frustrados e estresados.
Di o Ecofilósofo español Joaquín Araujo que “A primeira tarefa da Educación Ambiental debe ser a de desacreditar o mito da competitividade”. Tarefa ardua esta de combater contra unha das columnas onde se asenta o actual modelo civilizacional, pero que debe ser asumida canto antes por todos os que cremos e loitamos por unha sociedade e un mundo distintos.
Joel Sangronis Padrón, Profesor UNERMB
Desacreditar el mito de la competitividad
Ediciones Simbióticas
Portal del Medioambiente
juanca — 30-04-2006 19:44:06
juanca — 30-04-2006 19:55:06
Birnarem — 02-05-2006 18:36:18
PAILAROCO — 08-05-2006 19:00:22