Os días 29/30 de abril e 1 de maio, Verdegaia organiza un roteiro en bicicleta pola comarca da Limia. Ao longo dos tres días coñeceremos tanto a faciana natural como a etnográfica da zona. O percorrido inclúe visitas á Lagoa de Antela, o museo etnográfico de Vilar de Santos, o mosteiro de Trandeiras, á Carballa de Saínza, a aldea de Couso, a canle da Limia, a fervenza do río Férveda, a Torre da Porqueira e outros lugares de sinalado interese.
Estes roteiro está pensado para que o poidan facer todo tipo de persoas. A comarca de A Limia é chá, e as distancias que percorreremos nos distintos días son factíbeis para calquera. O único que precisades é unha bicicleta e ganas de pasalo ben.
Durmiremos no albergue de Lodoselo (perto de Sarreaus, a 10 km de Xinzo da Limia). Este albergue ten 40 prazas en litera polo que se adxudicarán por orde de inscrición. Unha vez cubertas as prazas, se hai xente a maiores que queira vir terá que procurarse sitio para durmir.
O custo da durmida e comidas (cea e dormida o 29, pensión completa o 31 e almorzo o día 1) é de arredor de 35 €.
O día 29 coñeceremos o mosteiro de Trandeiras, a torre da Pena e a fervenza do río Férveda. Pola tarde, xa no albergue, teremos unha sesión de xogos tradicionais para quen queira participar.
O día 30 é o percorrido máis longo (45 km). Comezaremos achegándonos ao Museo Etnográfico de Vilar de Santos onde faremos unha visita guiada. De aí desplazarémonos ate a Sainza onde coñeceremos a Carballa da Rocha, unha árbore maxestuosa con perto de 800 anos de vida. Logo percorreremos a zona da canle do Limia e as Veigas e remataremos visitando a torre da Porqueira, antes de emprender o regreso a Lodoselo.
O día 1 teremos a mañá libre ate a volta a Ourense, prevista para as 14:00.
Para facilitar o achegamento de xente de todo o país xuntarémonos o sábado 29 ás 10:45 na estación de Renfe de Ourense, onde teremos preparado un autobús para levarnos ate Xinzo, onde comezaremos a pedalear. En función do nº de persoas que se anoten podería precisarse tamén unha furgoneta para levar as bicicletas. Todos estes custos pagaranse a escote polos/as participantes.
As persosas interesadas podedes vos apuntar premendo aqui ou mandando un correo-e a info(a)verdegaia.org.
Outro xeito de viaxar é posíbel: fin de semana en bicicleta pola Limia (en Verdegaia)
Verdegaia