O Festiclown, coa colaboración da sala Yago e a Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Santiago de Compostela e o apoio da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia e da Asociación Galega de Axuda ao Pobo Saharauí, organiza un acto de repulsa aos ataques fascistas que Leo Bassi e o teatro Alfil están a padecer.
Como saberedes, desde hai un tempo a obra de Leo Bassi La Revelación está sendo obxecto dunha campaña de desprestixio e ataques violentos a cargo de fanáticos da ultradereita católica españolista, chegando incluso a atentar cun artefacto, colocado preto do camerino deste actor cómico no teatro Alfil.
Desde o Festiclown, pensamos que o teatro galego debe sumarse aos diferentes actos de protesta e solidariedade que se está a facer no resto do estado, xa que non podemos permitir que estes “camisas negras” censuren e atenten contra o traballo creativo e comprometido da nosa profesión.
Asemade, o Festiclown síntese orgulloso de contar con Leo Bassi como un dos seus padriños, que desde o principio prestouse a apoiar a proxección do clown no noso país, colaborando co festival, incluso, nunha xira de denuncia contra o Prestige por concellos galegos e sumándose ás nosas campañas de apoio a Palestina e de repulsa polo asasinato en Xénova de Carlo Giuliani.
Por todo isto convidámosvos a participar nunha velada teatral de apoio a Leo Bassi e ao Teatro Alfil: “CONTRA A INQUISICIÓN CULTURAL”, o vindeiro xoves, 30 de marzo, AS 21.00 h. na sala Yago de Santiago de Compostela (rua do Vilar 51 –53). O acto contará coas actuacións de Bacana, Pajarito, Mofa e Befa, Serxio Pazos, Cándido Pazó, Yoni Mediogramo, Avelino González e Os Sete Magníficos máis Un.
Os cartos das entradas que se vendan, a un prezo simbólico de 5 €, irán destinados aos campamentos de refuxiados saharauís en Arxelia, que recentemente sufriron unhas gravísimas inundacións que desmantelaron o 60% das edificacións.
Esperamos que podades sumarvos a este esforzo colectivo, e que nos atopemos enriba das táboas para berrar xuntos un NUNCA MÁIS o fascismo cultural.
Gala pola libertade de expresión. En apoio a Leo Bassi e ao Teatro Alfil
Cartaz do acto
Culturactiva