O CLUB BOANDANZA organiza para o vindeiro sábado un partido de solidaridade co Sáhara Occidental. Toda a taquilla que se recaude no encontro da Primeira Nacional A de fútbol sala fronte ao Atlético Bembibre, entregaráse á Asociación de Axuda ao Povo Saharaui. O Boandanza pide asimesmo aos seus socios que ese dia saquen a entrada para contribuir dese xeito, e axudar aos saharauis. O partido comezará o sábado 11 de marzo ás 18,30 da tarde no pavillón A Xunqueira de San Valentín en Fene.
As entidades cidadáns de Fene colaboran coa venda de entradas que se poden tamén adquirir, ao prezo de 6 euros cada unha, no Cafe Bar Pachamamá, Café Bar Roibén e Cafeteria Lembranza. Asimesmo o Boandanza participará nunha reunión convocada polo Concello de Fene para este xoves, na que se poderían programar outras iniciativas de solidaridade co Sáhara.
Os pasados 9 e 11 de febreiro a zona desértica do oeste de Alxeria padeceu unhas graves inundacións, afectou a máis de 12.000 familias e deixou sen teito a uns 50.000 refuxiados, segundo os datos do Frente Polisario. Na zona do Tinduf residen arredor de 150.000 refuxiados divididos en 5 campamentos, con casas feitas de adobe. As choivas torrenciais deixaron unha imaxe de desolación no campamento denominado “27 de febreiro”, xa que a maior parte das súas vivendas foron completa ou parcialmente destruidas. España ten unha débeda co pobo saharaui, xa que o seu abandono do territorio en 1975 propiciou a invasión por parte de Marrocos e que, 30 anos despois, permaneza sen fechar o proceso de descolonización.