Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Unha localidade murciana lanza un programa de software libre para xestionar bancos do tempo

Archivado en Información (Kit do cidadán crítico) • Fecha: 01-03-2006 10:22

Olga Berrios

A ferramenta está dispoñible na súa web, xunto a manuais para implantala. En San Javier, 120 habitantes xa comparten o seu tempo, e organizacións de atención a maiores ou inmigrantes e asociacións de amas de casa tamén a utilizan.

A Pedro encántanlle os idiomas. É profesor de lingua e literatura nun instituto e, polas tardes, asiste a unha escola para aprender árabe. Con todo, necesita resolver moitas dúbidas e practicar máis o idioma.

No banco do tempo, atopou nos anuncios dos usuarios a Said, un mozo de Marrocos que leva varios anos vivindo no municipio. El ofértase para impartir clases de formación sobre a súa cultura e lingua, e tamén para traducir documentos. A cambio de clases de conversación, Pedro axuda a Said a mellorar a expresión escrita en castelán.

Este é un dos exemplos prácticos dos intercambios que se producen en calquera banco do tempo, que é un espazo onde non se gardan cartos nin sangue, senón horas.

Iniciativas deste tipo xa existen en Estados Unidos, Alemaña, Canadá, Venezuela, México, Perú, Holanda, Italia, Reino Unido e en pequenos proxectos de cidades españolas como Barcelona ou Pamplona.

Agora, desde a Concellaría de Voluntariado da localidade murciana de San Javier -de menos de 20.000 habitantes- creouse un programa informático que serve para xestionar bancos do tempo. Os seus creadores queren compartilo con calquera asociación, fundación ou organismo público que queira crear unha comunidade.

Unha experiencia que crece

Os interesados en obtelo poden descargar o programa desde a páxina web do proxecto e tamén acceder a un manual de boas prácticas de uso, ao calendario de posta en marcha ou ao manual do usuario ou do administrador, entre outros.

Nun ano, segundo explica a coordinadora do proxecto Ana Molina, o sistema xa se instalou no municipio e conta con 120 usuarios e contacto con varias ONG como a sé local de Cáritas, a Asociación de Maiores de San Javier, a Asociación de Amas de Casa El Mirador, San Xavier, La Ribera e La Manga ou a Asociación local de Apoio ao Pobo Sahariano.

Os primeiros intercambios son xa en grao sumo variado: atención a persoas maiores, coidado de nenos, servizos de estética, sesións de relaxación, limpeza do fogar, formación en idiomas e informática ou tradución de documentos para as persoas inmigrantes.

O mesmo Banco do Tempo intercambia horas para crecer el mesmo. Por exemplo, a Asociación Cultural AIKE -dedicada á creación audiovisual- elaborou un publirreportaxe e un spot publicitario para promocionar o proxecto. A cambio, o grupo autor da música deste anuncio conseguiu un local para os seus ensaios.

Voluntariado ou intercambio

A iniciativa tamén incorpora a posibilidade de que empresas ou institucións doen produtos ou servizos que poidan servir para gratificar tamén aos usuarios dos bancos de tempo.

Aínda que se ofreza a ferramenta ás organizacións sociais, iso non quere dicir que se promova en exclusiva o voluntariado: “Non nos definimos como unha ONG -explica Ana Molina-, senón como un grupo de persoas que queren axudar ao municipio a crear redes e lazos. Así benefícianse ambas partes: todo o mundo pode dar e todo o mundo pode recibir”.

E engade: “Aínda que, se os usuarios queren dar horas altruístamente, tamén o poden facer”.

O Banco do Tempo non é máis que a recuperación dunha ferramenta humana anterior á moneda: o trueque. A diferenza é que se incorporan as novas tecnoloxías para poñer en contacto ás persoas.

Deste xeito, as persoas que teñen menos recursos económicos, poden obter axuda a cambio daquilo que saiban facer.

Aberto á innovación

A ferramenta é aplicable a moitas realidades. A proba é que xa se desenvolveu un modelo especial chamado Banco Escolar para implantalo en centros educativos.

A diferenza é que posúe un mellor sistema para protexer aos menores participantes. Con esta iniciativa, os escolares “aprenden valores de solidariedade, achéganse á igualdade e intégranse no centro”, xa que promove o contacto entre eles para o apoio escolar mutuo, compartir afeccións ou fomentar a integración a partir da práctica do idioma.

O proxecto implantouse xa para o seu uso interno no colexio Xoaquín Carrión de Murcia e nun instituto de Almansa.

Como vemos, os bancos de tempo ofrecen unha gran cantidade de oportunidades, só limitadas á imaxinación, para que cada cal poida compartir as súas capacidades cos demais.

Una localidad murciana lanza un programa de software libre para gestionar bancos del tiempo (castellano)

Banco del Tiempo

Banco de tiempo San Javier

Banco Escolar

Publicado por Birnarem
336 lecturas • 2 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios

  1. O artigo que traducides o collestes dunha web de IU. Éstes á sua vez o colleron de Canal Solidario, concretamente a redactora Olga Berrios é a autora do artigo. Pero aquí todo dios se apropia de todo. O mínimo é citar a fonte, non? Ainda que imaxino que vos non o sabiades, pero é cuestión de intuilo. IU non se dedica ao xornalismo, polo que era difícil que eles fixesen un artigo desa calidade.

    http://www.canalsolidario.org/web/noticias/noticia...

    Xose — 03-03-2006 12:58:33

  2. Graciñas pola información. Normalmente intento buscar o enlace orixinal dos artigos que publico, ainda que tampouco o considero algo prioritario, xa que o fin desta bitácora é informar. Non pretendo buscar notoriedade quitar nin "visitas" nin "fama" á fonte orixinal, simplemente pretendo informar de cousas que me parece que outr@s deberían coñecer.

    Neste caso efectivamente, eu lín o artigo na páxina de IU de Hortaleza, e ao non enlazar alí con ningún outro artigo simplemente o enlacei con él directamente. Non pretendo nin agora nin no futuro facer un proxecto de investigación para deducir se un artigo será da fonte onde o atopo ou haberá outra persoa "de máis calidade" que fixo o artigo, xa que deste modo publicaría dúas noticias ao ano, e deste modo moita xente non coñecería proxectos coma este.

    Se a autora do artigo (Olga Berrios) non desexa que éste figure na bitácora, fágamo saber mediante un comentario ou por correo electrónico (pulsa o botón de contacto do menú). Moitas Gracias.

    Birnarem — 03-03-2006 13:46:37


Comentar



Recordar datos