Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

cárcel de amor: relatos culturais sobre a violencia de xénero

Archivado en Participa na Coruña • Fecha: 08-02-2006 00:44

A Fundación Luis Seoane presenta na Coruña un proxecto en torno á condición femenina e a violencia de xénero: cárcel de amor. Constará de ciclos de conferencias, proxeccións audiovisuais e talleres.

Presentación

Non é accidental que o título deste proxecto interdisciplinario –que propón a posibilidade de representar artística e culturalmente un conxunto complexo de aspectos arredor do tema da violencia doméstica/de xénero– sexa Cárcel de amor. Tomado dunha novela de amor epistolar con tráxico final de Diego de San Pedro (Sevilla, 1492), as súas crenzas e punto de vista ben poden, literal e figuradamente, simbolizar no século XXI o temor ao sistema patriarcal. Con cinco seccións interconectadas (programa de cine e vídeo, proxecto web, conferencias e unha publicación) é concibido coma un espazo marcado pola diversidade de opinións e puntos de vista, Cárcel de amor corre o risco, ao confrontar un tema tan amplo e brutal, de ser percibido como falto de rigor. Lonxe de asumir que "todo vale", este proxecto, xestado durante un período de case dous anos, baséase no concepto de que os códigos artísticos e culturais son representacións colectivas e de que a súa forma e contido están conformados por e para a orde social.

Como noutras novelas de amor, medievais ou non, en Cárcel de amor o amor físico está conectado coa violencia. Con máis de trinta edicións en castelán e traducido a varias linguas europeas, este best seller medieval pon a énfase na "lei paterna", isto é, no significado literal do patriarcado. Ignorando as pregarias da familia e a corte, o rei encarcera á súa filla Laureola e está "disposto a executar nela a sentenza máis cruel por ser a súa acción motivo de deshonra". Dentro do contexto do feminismo contemporáneo, o sistema patriarcal non está restrinxido á relación pai-filla: a primeira vaga do feminismo extendía a súa descrición, segundo Kate Millet, á "dominación masculina", é dicir, a calquera instancia de control masculino sobre a muller. Na terceira, as feministas buscaron ampliar a definición de Millet aínda máis e criticaron o seu "reducionismo", subliñando que o mesmo tipo de marco podía aplicarse a calquera relación de xénero, tamén as relacións homosexuais. Tres meses antes da inauguración de Cárcel de amor no MNCARS, o Congreso aprobou a Lei Integral de Violencia de Xénero. Aínda nos queda por ver cales serán as súas consecuencias reais. Polo de agora, como mulleres o único que podemos dicir é que a nosa existencia está en perigo. Tamén nos queda por ver se as mulleres que soportan a violencia masculina –ou da súa parella– e necesitan recorrer ao sistema xudicial coa intención de denunciar ao seu agresor, conseguirano. Este proxecto está adicado a todas elas.

Berta Sichel
Xefa do Dpto. de Obras de Arte Audiovisuales do MNCARS

Proxecto Web: “Violencia sin cuerpos”

Violencia sin cuerpos é un proxecto web articulado como exposición de net.art na que se consideran distintas lecturas en torno á violencia de xénero na rede. Baixo a suxerencia implícita de que nun contexto poscorpóreo como Internet se seguen escondendo vellas estratexias de dominación sexual pero tamén novas condicións para a produción de outras formas de violencia simbólica e real sobre a muller, en Violencia sin cuerpos danse cita estas cuestións a partir de catro acercamentos á situación do sexo e do xénero na rede e ao xeito en que o patriarcado pode repetir (ou nalgúns casos amplificar) a súa hexemonía e, por efecto, as súas formas de dominación no ámbito dixital. A temática das obras que forman parte deste proxecto non é (non soamente) a violencia de xénero senón, especialmente, o contexto onde o xénero e a violencia en base a este toman forma en Internet. Nelas suxírense fisuras dende as que o usuario pode cuestionarse a nova complexidade da rede para a produción do xénero, así como advertir as novas (ou ás veces camufladas de novas) formas da violencia nun tempo en liña onde parece quepodemos prescindir dos corpos físicos, ata nós que estivemos reducidas aos mesmos durante tanto tempo.

Remedios Zafra

http://www.carceldeamor.net/vsc

Na web de Violencia sin cuerpos tamén se pode acceder a unha selección dos textos publicados no libro Cárcel de amor. Relatos culturales sobre la violencia de género así como á documentación sobre o proxecto e a outros recursos.

Actividades Didácticas

Búscase ofrecer ás e aos adolescentes unha visión das diferentes posibilidades do vídeo como medio artístico, así como unha aproximación social á problemática a violencia exercida contra as mulleres. Analizaranse e debateranse os contidos e as técnicas dunha selección das videocreacións, dende o documental ata a animación, na proxección-taller "Cárcel de amor. Violencia de género y vídeo" que foi desenvolvida polo Servicio Pedagógico do MNCARS.

As actividades didácticas están destinadas a adolescentes de 13 anos en adiante, polo que se traballará preferentemente con alumnos de Bacharelato Artístico, Escolas de Artes e Oficios e Escolas de Imaxe e Son. Participación gratuíta previa inscrición.

Para máis información contactar no tlf. 981216015 ou no e-mail info@luisseoanefund.org

Programación do Ciclo de Cine e Vídeo

Todas as sesións empezan con:

Beatriz García Prieto
Nombres
. Mini-DV, cor, son, 1'
Cortesía da artista.
Unha continua sucesión de nomes que, un tras outro, vanse tachando. Unha longa lista de mulleres que día tras día son vítimas da violencia. Un xesto repetitivo e cruel... Un berro de denuncia no seu nome..., no de tantos nomes..., voces que calaron. Unha chamada á reflexión.



  1. sesión xoves 23 febreiro
    20.30h [prog.3]
    Duración aprox. 74'

    Lourdes Portillo
    Señorita extraviada
    . 2001, Beta, cor, v.o.s. 74'
    Cortesía de Women Make Movies, New York.
    O documental desprégase como o misterio sen resolver que examina o secuestro, a violación e o asasinato de máis de 230 mulleres novas en Juárez, México. Baseado no que Portillo considera a fonte máis fiable, os testemuños das familias das vítimas.


  2. sesión venres 24 febreiro
    20.30h [prog.1]
    Duración aprox. 91'

    Cecilia Barriga
    El origen de la violencia
    . 2005, DVD, cor, son, 1'
    Cortesía da artista.
    Esta breve peza visual amósanos un encontro accidental no camiño, durante unha viaxe que a autora realiza pola selva amazónica. O acto simple e inocente do xogo dun neno duns catro anos cun gato de poucos meses lévanos a formularmos unha cuestión esencial na nosa cultura contemporánea: ¿Onde está a orixe da violencia? Unha cuestión tan complexa que trascende todas as fronteiras incluídas as do xénero.

    Paul McCarthy e Mike Kelley
    Cultural Soup
    . 1987, vídeo/DVD, cor, v.o.s. 7'
    Cortesía de Electronic Arts Intermix, New York.
    A familia, encarnada pola representación dun pai e a relación co seu fillo, descobre o proceso de perversión e a herdanza dos procesos culturais violentos.

    Kevin McCourt e Gabriel Martínez
    Fathers, Husbands, Sons / Padres, maridos, hijos
    . 2002, vídeo/DVD, cor, son, 1h 30'
    Cortesía dos artistas.
    Retrato-documental de mulleres maltratadas, do dano experimentado que vai da fraxilidade emocional á crise dos sentimentos, da destrución do concepto do fogar ao medo e a negación da vida. Implica tamén fatiga física e psicolóxica, medo e terror, illamento, culpa e vergonza, baixa autoestima, perda de identidade e autonomía, impotencia e desesperanza, anoxo, ira e ansiedade.

    Sadie Benning
    A Place Called Lovely
    . 1991, Beta, b/n, v.o.s. 14'
    Cortesía de Video Data Bank, Chicago.
    Revela unha sociedade na que a violencia, nas súas diversas formas, atópase presente nas nosas vidas cotiás. Preséntanos unha Norteamérica racista e homofóbica. Alusións á inquietante proximidade das armas de fogo mestúranse con imaxes violentas de videoxogos ou fragmentos de películas como Psicosis, para terminar cunha escena na que Sadie Benning, diante dunha bandeira dos EEUU expón o seu discurso en torno aos signos dunha cultura da violencia.

    Maria Arlamovsky
    Loud and Clear / Laut und Deutlich
    . 2001, Beta, cor, v.o.s. 67'
    Cortesía da artista e Nikolaus Geyrhalter Filme Produktion, Alemania.
    Cinco mulleres e un home falan sobre os efectos do abuso sexual nas súas vidas. Despois de anos e nalgúns casos décadas, son capaces de atopar as palabras para describir como estes feitos lles afectaron.


  3. sesión sábado 25 febreiro
    19.30h [prog.6]
    Duración aprox. 196'

    Frederick Wiseman
    Domestic Violence
    . 2001, 16 mm/VHS, cor, v.o.s. 196'
    Cortesía de Zipporah Films, Cambridge, Ma.
    Rodado en Tampa-Florida, mostra a axuda que reciben as vítimas de violencia doméstica a través da policía e nun centro de acollida. As secuencias tomadas en The Spring, un centro de acollida para nenos e mulleres, inclúen unha visita guiada dun grupo de xubilados polo refuxio, as entrevistas de entrada ás mulleres maltratadas, sesións individuais de terapia e terapia en grupo.


  4. sesión xoves 2 marzo
    20.30h [prog.5]
    Duración aprox. 80'

    Karin Jurschick
    The Peacekeepers and the Women / Die Helfer und die Frauen
    . 2003, Digi-Beta, cor, v.o.s. 80'
    Cortesía da artista.
    Película sobre como as forzas armadas e as organizacións políticas intentan resolver problemas –como o tráfico de mulleres e a súa posterior explotación sexual forzosa– dos cales son responsables en parte. O Trafficking, comercio de mulleres e nenas forzadas a exercer a prostitución, converteuse nunha industria en auxe en Kosovo e Bosnia-Herzegovina.


  5. sesión venres 3 marzo
    20.30h [prog.7]
    Duración aprox. 100'

    Sigalit Landau
    Barbed Hula
    . 2002, DVD, cor, son, 2'
    Cortesía Anita Beckers Galerie, Frankfurt.
    Este acto de desensibilización –xogando ao hulahop cun aramio de espiño– é unha metáfora para o espazo do corpo.

    Beth B
    Belladona
    . 1989, vídeo/DVD, cor, v.o.s. 18'
    Cortesía de Electronic Arts Intermix, New York.
    Belladona é un terrible testemuño sobre a violencia e a familia. Un grupo de actores, presentados como "cabezas parlantes", recitan versos escalofriantes que se converten nunha terrorífica ladaíña, un poema familiar de abusos infantís e violencia masculina.

    Mandy Jacobson e Karmen Jelincic
    Calling the Ghosts. A Story about Rape, War and Women
    . 1996, Beta, cor, v.o.s. 80'
    Cortesía de Women Make Movies, New York.
    Relato de dúas mulleres atrapadas nunha guerra na que a violación era unha arma tan cotiá coma as balas ou as bombas. Jadranka Cigelj e Nusreta Sivac, amigas dende a infancia e avogadas, gozaban en Bosnia-Herzegovina dunha vida corrente ata o día en que os seus veciños se converteron nos seus
    torturadores.


  6. sesión sábado 11 marzo
    19.30h [prog.9]
    Duración aprox. 84'

    Frederick Wiseman
    Domestic Violence 2
    . 2001, 16 mm/VHS, cor, v.o.s. 160'
    Cortesía Zipporah Films, Cambridge, Ma.
    Dado que a violencia doméstica como delito xa está moi asentada dentro da lexislación e o poder executivo de EEUU, as xurisdicións están moi delimitadas e organízanse en diferentes xulgados: acusación, falta e requerimento. Estes xulgados ocúpanse de todo tipo de temas relacionados coa violencia doméstica, coma as fianzas, os avais, a liberdade condicional, as ordes de afastamento, o contacto cos nenos ou as sentenzas polos delitos.


  7. sesión sábado 4 marzo
    19.30h [prog.8]
    Duración aprox. 160'

    María Ruído
    La voz humana
    . 1997, Beta, cor, son, 7'
    Cortesía da artista.
    A partir desta performance videográfica suscítase a utilización histórica da linguaxe patriarcal como exercicio de poder violento. Tomando como punto de partida un fragmento do libro de Miguel Cereceda, El origen de la mujer sujeto (1996), onde o autor fala de diversos territorios lingüísticos e da súa vinculación xenérica, este proxecto reflexiona sobre a voz das mulleres (non sempre propia, senón moitas veces mero reflexo de formas estereotipadas).

    Ursula Biemann
    Writing Desire
    . 2000, DVD, cor, v.o.s. 23'
    Cortesía da artista.
    Ensaio sobre como afecta a circulación global dos corpos do terceiro mundo ao primeiro mundo. Biemann propón unha meditación sobre as desigualdades políticas, económicas e de xénero obvias nestes intercambios, e a procura da compañeira dócil, tradicional e pre-feminista, implicando ao espectador nun novo voyeurismo ateigado de consumo sexual.

    Pratibha Parmar
    Warrior Marks
    . 1993, Beta, cor, v.o.s. 54'
    Cortesía de Women Make Movies, New York.
    Película política e poética sobre a mutilación xenital da muller –que afecta a cen millóns de mulleres en todo o mundo– que trata de poñer de relevo as complexidades culturais e políticas que hai en torno a este tema.


  8. sesión venres 17 marzo
    20.30h [prog.4]
    Duración aprox. 50'

    Teresa Serrano
    A Room of Her Own
    . 2004-2005, DVD, b/n, son, 7'
    Cortesía da artista.
    A loita interna dunha muller, no momento crepuscular da súa vida, que cuestiona a súa sexualidade, a súa angustia, os seus medos e a súa ira representadas en aparicións de sombras que a perseguen. Estas son imaxes fuxitivas que nacen do seu propio estado mental, reflexos desa parte do seu ser que xa non controla e que paseniñamente a aprisionan dentro do seu cuarto. Deste xeito, "O seu propio cuarto" non é só unha estrutura física, senón un castelo virtual no que estas sombras ocuparon o espazo.

    Sheila M. Sofian
    Survivors
    . 1997, 16 mm/Beta, cor, v.o.s. 16'
    Cortesía da artista. Distribuído por Intermedia e Lucerne Media.
    Documental de animación baseado nunha serie de entrevistas con vítimas da violencia doméstica que narran a súa experiencia para construír dende a abstracción das imaxes e a representación verista do debuxo animado a súa historia. A voz en off transcribe unha xeografía da dor que pouco a pouco desvela os primeiros pasos tomados polos seus protagonistas para romper coa situación vivida.

    Tracey Moffat
    Nice Coloured Girls
    . 1987, 16 mm/Beta, cor, v.o.s. 16'
    Cortesía de Women Make Movies, New York.
    Película experimental que explora de xeito audaz a relación de explotación entre os homes brancos e as mulleres aborixes dende o principio, entre os colonizadores e as mulleres nativas, ata a actualidade na que as mulleres aborixes modernas intentan cambiar a súa sorte no entorno urbano.

    Sabine Massenet
    Sans titre
    . 2002, Beta, cor, son, 2'
    Cortesía da artista e Heure Exquise!, Mons en Baroeul, Francia.
    Apropiación de fragmentos de anuncios publicitarios onde a muller se presenta como un obxecto de consumo ao mesmo nivel que os iogures ou natillas que aparentan saborear dunha forma explicitamente sexual. Un consumo que se vai sublimando e erotizando ata provocar unha certa repugnancia.

    Beth Moysés
    Deshaciendo nudos
    . 2003, DVD, cor, son, 8'20"
    Cortesía da artista.
    Deshaciendo nudos é unha vídeo-performance dun traballo que Beth Moysés realizou na periferia de São Paulo cun grupo de mulleres e coa Secretaria da Muller. Transportaba talos de rosas cheos de espiñas e pedíalles ás mulleres que pensasen nos problemas que vivían mentres arrincaban as espiñas.


  9. sesión sábado 18 marzo
    19.30h [prog.2]
    Duración aprox. 85'

    Terry Berkowitz e Blerti Murataj
    The Eye of the Needle
    . 2004, DVD, cor, v.o.s. 4'
    Cortesía dos artistas.
    En 1993, Lorena Bobbitt amputoulle o pene ao seu marido cun enorme coitelo de carniceiro. The Eye of the Needle recolle o doloroso e escalofriante testemuño de Lorena acerca dos abusos recibidos polo seu marido ante o xuíz e acompáñao con sutís e sensuais imaxes que mostran que no ámbito doméstico e matrimonial de EEUU non todo é o que parece.

    Valie Export
    Syntagma
    . 1984, vídeo/DVD, cor, texto, 17'
    Cortesía da artista e Charim Galerie, Viena.
    Valie Export critica a oposición que hai entre o metafísico do corpo, reminiscencia nostálxica e cerimonial nos nosos tempos, e o corpo do século XXI que funcionalmente é o equivalente a unha máquina que produce sentido. Parece que ela está xusto no medio desta oposición –no espertar dun corpo orgánico que precede á creación dun corpo completamente intelixible–.

    Cara DeVito
    Ama l/Uomo Tuo
    . 1975, vídeo/DVD, b/n, v.o.s. 19'
    Cortesía de Electronic Arts Intermix, New York.
    Cara DeVito retoma o testemuño da súa avoa, Adeline LeJudas, realizando unha incisiva crítica social á sociedade patriarcal. Adeline relata a violencia que sufriu a mans dun marido abusivo. A historia oral queda recollida pola intimidade da videocámara que xoga un papel intrínseco no tipo de relación entre a filla e a avoa.

    Jean Marie Teno
    Le mariage d' Alex
    . 2002, 35mm/Beta, cor, v.o.s. 45'
    Cortesía do artista e de Lles Films du Raphia, París.
    Crónica profunda e delicada dunha tarde na que a vida de tres persoas se ve sacudida pola triste realidade do matrimonio polígamo en Camerún.


As sesións na Fundación Luis Seoane non seguen a orde numérica dos programas do MNCARS, sinalizados entre corchetes, debido a que se coordinaron en relación a Subxectividades críticas/narrativas identitarias. Feminismos e creación contemporánea no estado español tendo en conta os seus contidos. Estas xornadas de debate - mesas redondas, conferencias e taller de crítica de arte- desenrolaranse paralelamente a Cárcel de amor durante os días 8, 9, 10, 11, 17 e 18 de marzo.

As proxeccións de cine e vídeo realizaranse no salón de actos, ubicado na planta baixa, da Fundación Luis Seoane. Entrada libre. 100 localidades.

Podedes consultar o programa completo en PDF no arquivo adxunto.

Publicado por Birnarem
354 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos




ADN.esADN.es Medio Oficial Premios Bitacoras 2008: ESA