A división internacional do traballo consiste en que uns países especialízanse en gañar e outros en perder. A nosa comarca do mundo, que hoxe chamamos América Latina, foi precoz: especializouse en perder dende os remotos tempos en que os europeos do Renacemento se abalanzaron a través do mar e afundíronlle os dentes na gorxa. Pasaron os séculos e América Latina perfeccionou as súas funcións..."
Así comeza o libro de Eduardo Galeano, 'As venas abertas de América Latina' escrito en 1970. Trinta e cinco anos mais tarde nada di que cambie, é mais, as cousas, sen dúbida, empeoraron. Tan só un pequeno cambio: a identidade das sambesugas. As funcións perfeccionadas ás que se refire o autor falan de como co capitalismo foron as grandes corporacións norteamericanas as que entraron a saco no sur do continente e comezaron o espolio de recursos naturais e humanos. Pero xa a finais do século pasado, como o asasino que volve ao lugar do crime, as empresas españolas fixaron a súa vista nas novas posibilidades do Novo Mundo e como aves de rapiña lanzáronse a repartirse os despoxos. A clase política sudamericana recibiunos coma os salvadores da cobiza dos seus veciños do norte porque tratábase de empresas procedentes da Nai patria. Pero para o capitalismo non hai familia que valla. Nin patria que se lle poña por diante.
As grandes empresas multinacionais españolas naceron na década dos oitenta, nunha onda de crise do capitalismo mundial e nun marco de apertura da economía española ao calor da integración na Unión Europea. Para ser admitida no seu seno, España tivo que aceptar o desmantelamento do seu tecido industrial e a coordinación da súa política agraria coa do resto de países asociados. A cambio comezou a recibir os fondos estruturais orientados a financiar a transición cara unha estrutura económica baseada na oferta de bens de consumo e servizos. Pero nesta loita polos mercados atopuse cos seus socios europeos e a inversión antollouse necesaria dirixila cara América Latina. Tratábase dunha inversión necesaria para acumular uns capitais que, nese marco de competencia, era complicado importar dende Europa ou incluso crear na propia España. O goberno español xogou un papel protagonista ao establecer un marco legal liberalizador que consistiu na redución de requisitos legais para os fluxos de capitais saíntes, a disposición de fondos públicos para apoiar as inversións, a creación de seguros e o asino de acordos bilaterais e multilaterais para protexelas.
As multinacionais españolas, a remolque dos cambios estruturais apoiados polo Banco Mundial e o FMI, acapararon neses anos parte o patrimonio e os servizos públicos latinoamericanos, rematados a prezos de saldo. Os anos 90 caracterizáronse pola ofensiva desnacionalizadora que pretendía reducir a débeda externa a base de privatizacións e exportacións mentres se minimizaba o gasto social. Isto foi aproveitado polas compañías españolas en expansión que precisaban novos mercados e lexislacións mais brandas para conseguir beneficios xamais vistos. Vendidos os recursos nacionais a ofensiva apuntou ao sector servizos onde as necesidades básicas de millóns de persoas quedaron atrapadas nos monopolios españois.
Os datos así o demostran. As empresas multinacionais españolas invertiron nos anos 90 arredor de 40.000 millóns de dólares na compra de bancos, telecomunicacións, enerxía e outros sectores estratéxicos de Latinoamérica. Pero o que debería ser un factor creador de emprego e riqueza, tal e como se defende dende o mundo empresarial, non foi mais que unha nova invasión colonial ao perseguir só o máximo beneficio no menor tempo posible. É dicir, o seu único obxectivo foi o abaratar custes minguando no posible os soldos, as aportacións fiscais e as cotizacións sociais. En moitos casos chegouse, incluso, a colaborar con gobernos e políticas dictatoriais facendo cuestionarse o respecto destas empresas aos dereitos humanos mais fundamentais. Na consecución do seu único obxectivo non excluíron ningún medio e con frecuencia recorreron á promoción de guerras e conflitos inter-étnicos, á violación dos dereitos laborais, á degradación do medio ambiente, á corrupción de funcionarios para apoderarse de servizos públicos mediante privatizacións fraudulentas, á monopolización dos medios de comunicación, á corrupción de elites políticas, intelectuais e da sociedade civil e ao financiamento de golpes de estado, de ditaduras e a outras actividades criminais.
A política de inversións en Sudamérica que comezaron as empresas españolas co beneplácito dos gobernos socialistas recrudeceuse aínda mais co goberno de José María Aznar. O seu enfrontamento cos seus socios europeos e o seu achegamento á política norteamericana deulle maior marxe de manobra en América Latina. Esta política concrétase na chamada Fundación Carolina, nada no ano 2000, e que agrupaba ás 24 multinacionais españolas mais importantes. A maioría delas naceran como empresas públicas e nos últimos anos foran privatizadas. Pertencían a todos os sectores económicos e tomaron posicións en case todos os países da rexión. Son moitas as empresas españolas que comezaron de novo a viaxe en busca do Novo Mundo. Se a devastación sufrida por parte dos europeos do Renacemento, á que fai referencia Galeano, foi o comezo da perda de sangue do continente sudamericano, esta nova avalancha pode supor a puntilla. Vexamos en que sectores as multinacionais españolas fincaron o dente e quen son os vampiros ávidos de sangue.
Sector de Telecomunicacións: Telefónica
Telefónica é unha empresa privada que conta con 1,7 millóns de accionistas directos e cuxo núcleo duro fórmano La Caixa e BBVA. Ten 88,5 millóns de clientes, está presente en 16 países e ten 157.000 empregados en todo o mundo. É a sexta compañía mundial do sector por capitalización bursátil, a quinta empresa de Europa e a primeira de España. Se ben é certo que no campo das telecomunicacións o servizo estendeuse e mellorou nalgúns aspectos, a entrada desta empresa nos diferentes países latinoamericanos xerou moitas irregularidades.
En primeiro lugar, a maior actividade económica de Telefónica debería significar unha maior recadación tributaria. Nembargante, diferentes acordos da compañía cos gobernos de turno, posibilitoulle pagar menos impostos. En moitos casos impediu a competencia no sector doutras empresas ao contemplar as concesións períodos de monopolio. Tampouco foi unha xeradora de emprego xa que en moitas ocasións as empresas contratistas eran tamén españolas e os postos de dirección foron ocupados por españois. Neste aspecto, as condicións laborais foron empeorando e a descentralización de servizos e a creación de filiais aumentou a subcontratación de persoal para evitar responsabilidades contractuais intensificando, ademais, a contratación temporal. A entrada da multinacional nos diversos países tampouco supuxo un aforro para os consumidores internos sendo o custo do servizo de telefonía esaxeradamente alto. Finalmente, foi unha fiel colaboradora cos gobernos de turno e, ante esta relación tan estreita co poder económico e político o consumidor latinoamericano quedou desprotexido.
O grupo Telefónica Latinoamérica, controlado ao 100% por Telefónica ten presenza en Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Panamá, Perú, Porto Rico, República Dominicana, Uruguai e Venezuela. O seu maior volume de negocio teno en Arxentina por mediación de Telefónica de Arxentina no que participa cun 98,03%; en Brasil a través de Telesp e unha participación do 87,49%; Chile, con Telefónica CTC Chile e unha participación do 44,89%; e Perú, na empresa Telefónica do Perú e unha participación do 98,19%. No resto de países faino a través de diferentes empresas do seu grupo: Atento, Telefónica Contidos, Telefónica Empresas, Telefónica Móbiles, Terra Networks e TPI Páxinas Amarelas.
O beneficio de Telefónica Latinoamericana en 2004 foi de 806,6 millóns de euros, un 44,4% superior ao ano 2003.
Sector de hidrocarburos: Repsol
Repsol YPF é unha empresa internacional de petróleo e gas, con actividades en 28 países e con mais de 30.00 traballadores en nómina. É unha das dez maiores petroleiras privadas do mundo e a maior compañía privada enerxética en Latinoamérica en termo de activos. Ten unha produción de hidrocarburos de máis de 1,1 millóns de barrís equivalentes de petróleo/día e as súas reservas de cru e gas case alcanzan os 5.000 millóns de barrís que se localizan, fundamentalmente, en Latinoamérica e no Norte de África. Os seus principais accionistas son os grupos financeiros La Caixa e BBVA e as súas actividades céntranse na exploración e explotación, o refinamento e a venda e distribución de petróleo. Repsol defende que "está desenrolando unha estratexia corporativa baseada na protección do medio ambiente, o establecemento dunha política de recursos humanos que potencia a mellora continúa das relacións laborais e a integración das medidas e actuacións concretas que colaboran ao desenvolvemento da sociedade". Pero a realidade é outra. Nun principio xa resulta estraño que un país como España apareza en Sudamérica cunha empresa petroleira cando nin ten petróleo nin ten grandes relacións cos países productores. Nese marco Repsol compra empresas públicas latinoamericanas do sector hidrocarburos a prezos irrisorios grazas aos acordos político-económicos bilaterais.
Dous exemplos: YPF de Arxentina comprada a cambio de bonos para paliar a débeda externa baixo o pretexto da falta de capacidade financeira. Tras a compra, en 1999, nun ano multiplicou por catro os seus beneficios que chegaron a 1.150 millóns de euros sendo un 66% procedentes de YPF. En 1996 se vendeu o 75% das accións da refinería da Pampilla de Perú a Repsol por 180 millóns de dólares cando en 1994 xerara uns ingresos de 657 millóns.
Os impactos medioambientais das súas actuacións e sobre as comunidades indíxenas distan moito dos seus obxectivos. As Continuas denuncias apenas saltan á luz pero vanse coñecendo. Como a destrución do parque natural Yasuní na amazonía ecuatoriana de 680.000 hectáreas das cales un terzo pertencen ao pobo huaoraní; ou o humidal Llancanelo, reserva natural en Arxentina onde a petroleira quere perforar oito novos pozos; ou a invasión de 18 territorios indíxenas e 4 parques naturais en Bolivia; ou o máis coñecido que levou á multinacional a un preito co pobo mapuche. Os beneficios de Repsol YPF en 2004 foron de 1.950 millóns de euros. Os ingresos operativos en Europa alcanzaron 29.050 millóns de euros; en Latinoamérica só 11.760, o que demostra como os recursos naturais da zona serven, en gran parte, para o consumo europeo.
Sector eléctrico: Endesa
Endesa é unha das maiores compañías de electricidade de Europa e é o líder no mercado español e en varios países de Latinoamérica. Fundada en 1944 como unha empresa estatal para a produción de enerxía, foi privatizada en 1998. Na actualidade, Endesa serve a máis de 22 millóns de clientes de electricidade e gas a nivel mundial, emprega a máis de 27.000 traballadores e conta con ingresos en torno aos 18.000 millóns de euros. En mans de grandes corporacións bursátiles (Cajamadrid, Chase International...) se atopa actualmente o seu accionariado revolto tras a recente OPA hostil lanzada por Gas Natural que, por certo, está en mans de Repsol-YPF e La Caixa.
Durante o ano 2004 tivo uns beneficios netos de 1.379 millóns de euros, aumentando o 5,1% con respecto ao ano anterior. A súa presenza en Latinoamérica plásmase na empresa Endesa Internacional e asume a xestión dun amplío número de empresas, principalmente Enersis, Endesa Chile e Chilectra (en Chile); Edesur, Costanera, Dock Sud e O Chocón (Argentina); Cen, Endesa Fortaleza, Ampla e Coelce (Brasil); Emgesa e Codensa (Colombia); ou Edegel e Edelnor (Perú).
A pesar de que a entrada da multinacional na zona conlevou un incremento da potencia instalada e do índice de electrificación tamén tivo nos últimos anos os seus peros. Así, a historia de ENDESA-España en Chile comeza cando esta chegou a un acordo financeiro cun grupo chileno que representa os máis turbios intereses da burocracia estatal baixo a ditadura militar de Pinochet. O Estado espoliou o patrimonio público e estes xestores do aparato burocrático estatal aparecían como os únicos beneficiarios en múltiples sociedades onde se facían responsables de toda a xestión do patrimonio e á súa vez adquirían pequenos paquetes de accións. O Estado chileno, pola súa parte, intervén sempre a favor dos empresarios e en contra dos pobos orixinarios. Os gaseoductos tendidos no norte de Chile, que se levan os recursos mineiros sen pagar impostos, construíronse destrozando cemiterios indíxenas, petroglifos milenarios e sitios sagrados das distintas culturas precolombinas.
A súa actividade en Perú tamén provocou grandes polémicas xa que a concentración do mercado entrou en conflito coas leis aínda que o estado facilitou a súa privatización outorgando impunidade á multinacional aínda que vulnerando o principio de igualdade ante a lei. A primeira actuación foi o despido de traballadores, primeiros os afiliados ao sindicato mais importante, e o asino de contratos individuais para evitar a negociación colectiva. Finalmente a maioría de actividades subcontratáronse evitando responsabilidades derivadas do risco eléctrico no traballo.
Sector financeiro: BBVA
Na década dos 90, o sector bancario español estivo marcado por dúas tendencias: a concentración de poder e a expansión internacional. As entidades españolas, tras un período de fusións e adquisicións, configuraron un panorama dominado por dous xigantes: o BBVA e o BSCH. Á súa vez comezaron unha expansión cara Sudamérica buscando novos mercados co obxectivo de poder competir cos grandes bancos europeos. Esta estratexia estivo facilitada pola elite dirixente dos países latinoamericanos. O seu papel na economía centrouse no sistema financeiro e nas pensións privadas pero as súas maiores irregularidades corresponderon ao ámbito laboral xa que estes bancos participaban do capital social doutras multinacionais españolas, tal e como vimos anteriormente.
O BBVA é a segunda entidade bancaria española e o ano pasado gañou 2.082 millóns de euros, un 25,8% mais que en 2003 e só por debaixo do BSCH. Dese beneficio, 1.239 millóns de euros obtivéronse nos seus filiais latinoamericanas, un 44% do total. Sen embargo, os seus recursos e as súas fundacións para América Latina para todo o ano pasado foi de 4,9 millóns de euros.
Se ben a entrada destes bancos supuxo unha mellora no trato ao cliente e a axilización dos seus servizos, os perxuícios ocasionados presentan un balance totalmente negativo. A entrada nos diferentes países produciuse mediante a adquisición de bancos nacionais, moitos deles públicos, e no proceso de reestructuración quen primeiro pagaron os custes foron os traballadores. En Perú, por exemplo, o 25% dos traballadores foron despedidos, aumentouse a xornada de traballo sen compensación e o sindicalismo foise debilitando. Aínda que o exemplo mais grave é o do BBVA en Arxentina: as adquisicións dos bancos locais mediante fusións e OPAS, a súa irrupción nas telecomunicacións, nos fondos de pensións, nos servizos públicos, metidos na industria do armamento, especulando coa construción inmobiliaria, mantendo en segredo a débeda externa privada dos países mais pobres... para rematar negando os seus escuálidos aforros aos pequenos aforradores arxentinos atrapados no 'corralito'.
Luis Miguel Busto Mauleón
Andalucía Libre
El nuevo colonialismo español (castellano)