Arredemo 2.0: Fase de Preparación
Archivado en
Novas Quentiñas •
Fecha: 14-11-2005 10:27
¡¡¡ Por fin xa está en funcionamento a nova páxina de Arredemo !!!
Podedes ver aquí unha pequena historia do que foi Arredemo dende o seu nacemento, e o que se espera que sexa no futuro. Necesitamos deste proxecto na Galiza, ¡ánimo!
ARREDEMO nace, hai case dous anos, como proxecto de rede de acción socio-cultural impulsado por
BURLA NEGRA, na secuencia do
FORO NEGRO (Decembro de 2003), no que máis de trescentas persoas do mundo socio-cultural do país se dan cita para reflexionar e debater sobre as perspectivas da cultura galega a partir do movemento social xurdido no ronsel emponzoñado do Prestige.
Aínda que o
FORO NEGRO non se pecha cun documento conclusivo, é un acontecemento que produce un gran acopio de ideas e reflexións sobre a situación socio-cultural de Galiza. E unha das visións enunciadas de xeito case unánime no encontro, é a necesidade de organizar unha rede socio-cultural asentada nos valores de participación, liberdade e independencia que poda servir de ferramenta de acción e intercomunicación a todos os axentes socio-culturais comprometidos na transformación do país.
Confrontada con a súa propia continuidade tras un ano de implicación no movemento social
BURLA NEGRA asume, como colectivo comprometido coa cultura e a sociedade galega, dar un xiro nos seus obxectivos, indo máis alá da Crise do Prestige, e acollendo como propio o proxecto de rede socio-cultural, dado que o colectivo reúne as condicións e os recursos axeitados para garantir o traballo de organización e desenvolvemento do proxecto: unha gran penetración social, unha base de contactos ampla e estendida a todo o territorio galego, así como recursos humanos suficientes e preparados para soster todo o proceso.
Así, en Maio de 2004, un pequeno grupo de traballo, co apoio doutros elementos do colectivo, comeza a elaborar as bases teóricas e técnicas para desenvolver unha rede de acción socio-cultural ao servizo da comunidade galega que xa nese momento recibe o nome de ARREDEMO. Durante todo o verán do 2004 deséñase unha páxina web que poda servir de ferramenta de información e comunicación ao proceso organizativo.
ARREDEMO apreséntase públicamente o 13 de Novembro de 2004, durante o segundo aniversario da catástrofe do Prestige, e comeza a largar as redes na sociedade galega.
Durante o seu primeiro ano de existencia pública,
ARREDEMO foise consolidando como espazo de comunicación socio-cultural e sobre todo coma un laboratorio experimental onde comezarmos a probar as moitas potencialidades dunha rede destas características.
FUNCIONAMENTO
Podemos enumerar algunhas pautas básicas do seu funcionamento.
-
ARREDEMO é un medio de comunicación asentado nunha comunidade de editor@s non mediada. Calquera usuari@ da comunidade é libre de editar segundo o seu propio criterio e responsabilidade.
-
ARREDEMO é un centro de recursos socio-culturais con información constantemente actualizada sobre o traballo de colectivos e organizacións civiles de toda Galiza
-
ARREDEMO opera como unha plataforma de dinamización, acollendo e divulgando novos enfoques sobre as prácticas sociais e culturais.
-
ARREDEMO é unha ferramento de traballo que permite a calquera colectivo coordinarse en rede para desenvolver os seus proxectos e accións.
-
ARREDEMO é un medio de denuncia comprometido coa defensa dos dereitos civiles e as liberdades fundamentais.
-
ARREDEMO é un espazo de promoción e difusión cultural comprometido coa cultura libre e a creación artística galega.
-
ARREDEMO ten un compromiso explícito coa lingua galega aceptando a liberdade normativa e as distintas opcións ortográficas das persoas.
-
ARREDEMO é unha ferramenta de acción social, tanto a nivel de difusión, coordenación, e produción como tamén de documentación.
MEMORIA DE ACTIVIDADES
Pasamos a enumerar algúns dados sobre as distintas actividades levadas a cabo dunrante este primeiro ano.
1. Comunicación
No apartado de comunicación, foron publicadas 618 Novas cun total de lecturas completas de 53966.
Foron sindicadas na páxina principal as novas de vintesete colectivos sociais e culturais galegos e blogs especialmente relevantes polo seu valor informativo.
Establecéronse 314 links ás páxinas de colectivos e organizacións sociais e culturais galegos, tanto de dentro como de fora de Galiza.
Foron procesados máis de tres mil e-mails na conta principal de
ARREDEMO (info@arredemo.info).
Rexistráronse 556 utilizador@s, d@s cales 54 coa condición de editor@s.
Foron difundidos máis de trescentos eventos e convocatorias socio-culturais a través da Axenda Socio-Cultural, editada polos propios usuarios, e da páxina principal.
Foron transferidos máis de 50 Gb en documentos sonoros, visuais ou videográficos.
Recibíronse máis de 50000 visitas distintas, cunha media de 2,7 visitas por visitante.
2. Acción Social e Cultural
No apartado de acción social e cultural desenvolvéronse as seguintes accións e iniciativas a través da rede.
- Campaña Alerta Laranxa: desenvolvida no verán de 2004 por Burla Negra e outros colectivos como campaña de denuncia contra os incendios forestais.
- Proposta para un debate organizativo na Plataforma Nunca Máis. Foi debatida e difundida na rede a proposta de Burla Negra e entregada á comisión xestora de Nunca Máis
- Campaña contra o Desfile Militar do Dia das Forzas Armadas na Coruña: impulsada por distintos colectivos sociais, Arredemo contribuiu como medio de información e convocatoria.
- Iniciativa Lexislativa Popular pola Defensa dos Ríos: campaña promocionada por distintos colectivos sociais. Arredemo contribuiu como medio de información, convocatoria e recollida de apoios e asinaturas.
- Hai que Botalos: Campaña de estimulación ao “boto” nas eleccións autonómicas de Xuño do 2005. Propulsada por Burla Negra, Arredemo actuou como medio de información, produción, comunicación, difusión e libre distribución, tanto do filme como do material asociado (camisetas, imaxes, carteis, etc...) a toda a campaña.
- Per Loca Marítima: proxecto de organización dunha ruta cultural entre o Norte de Portugal e a Costa da Morte, levado a cabo por distintos colectivos e persoas da Costa da Morte. Arredemo integrouse como medio de traballo, documentación e comunicación.
- Festa do Circo: proxecto desenvolvido polo colectivo artístico Pista Catro. Arredemo serviu de medio de comunicación e coordenación entre artistas galegos desde distintas partes do mundo de cara a organización deste evento cultural.
- Cultura Libre: debate sobre a aplicación dos novos enfoques culturais no ámbito galego basados no copyleft e a libre distribución. Foi propiciado pola propia comunidade arredema e deu como resultado a creación dun grupo de traballo sobre esta temática e a publicación dunha Biblioteca en Rede sobre Cultura Libre.
- Radio
ARREDEMO: proxecto de difusión radiofónica a través da rede, especializado en música galega actual e outros contidos culturais. Arredemo habilitou un espazo na páxina a título experimental.
3. Hai que Botalos: unha acción especial
Sen dúbida a campaña Hai que Botalos constituiu toda unha experiencia no desenvolvemento ra Rede de Acción Socio-Cultural
ARREDEMO, non só polo seu significado político e social senón tamén polo que tivo de experimentación como Smart Mob (Mobilización Intelixente) e a demostración da potencialidade mesma da rede como medio de acción e transformación.
Por unha banda, a película en si mesma, constituiu todo un éxito cultural, tanto polos espectadores que a viron dende o día 22 de Maio ata o día das eleccións (calcúlanse sobre 400.000), como polo volume de traballo e participación cidadá (máis de 300 colectivos sociais e culturais implicados), como pola distribución que se levou a cabo (4.000 DVD´s distribuidos, 220.000 descargas das curtas en internet, máis de 500 fontes no Emule e no Bitorrent e máis de 800 proxeccións públicas contabilizadas dentro e fóra de Galiza), de costas ás canles convencionais, a través da rede social galega. Como producción cultural colectiva e como proxecto social, a película abriu sen dúbida novas e múltiples perspectivas dentro da nosa cultura, partindo xa do feito de que se trata dunha creación en lingua galega, realizada por máis de trescentas persoas de xeito horizontal e tomando por tema a realidade do país desde unha perspectiva crítica e social. Trátase ademáis da primeira gran produción cultural que emprega a libre distribución en Galiza, socializando o concepto de "copiceibe", o que supón un novo paso na aplicación das novas tecnoloxías e teorías culturais libres no noso país.
A repercusión mediática do filme e da campaña, malia o apagón informativo imposto polos grandes medios de comunicación galegos, foi tamén un éxito. Dentro de Galiza destaca a crecente capacidade de información dos medios de comunicación alternativos, con especial atención aos portais como
Vieiros,
Galiza Livre,
Portal Galego da Língua,
Galiza-Indymedia,
Planeta Galego,
Xornal.com,
A Nosa Terra..., a rede de blogs galegos, o Blogmillo, os webs de colectivos, asociacións culturais e locais sociais como
Va-Ca,
Aduaneiros Sem Fronteiras, Alto-Minho,
Fundaçom Artabria,
Causa Encantada..., e unha morea de medios locais. Neste sentido destacar tamén o crecemento de Arredemo como ferramenta de traballo e lugar de encontro da rede socio-cultural galega, que duplicou tanto o número de visitas distintas diarias (20.000 entre Maio e Xuño e unha transferencia de máis de 20GB no mesmo período de tempo), como o número de usuarios rexistrados (520). O web da película -haiquebotalos.com- recibiu máis de 150.000 visitas desde todos os continentes.
Xeráronse máis de 36.000 referencias no Google nun mes (só comparativamente as referencias a outras películas galegas nun período de tempo máis longo foron: O Bosque Animado -1.040-, ou O Lápis do Carpinteiro -401-), déronse entrevistas e fixeron reportaxes medios e axencias de comunicación estatais e internacionais (TV3, Localia, Radio Euskadi, El País, France Press, L`Express, Cadena Ser, TVE, ...) Foron emitidas varias curtametraxes, completas ou en parte, en distintas emisoras, desde TVE -Informe Semanal-, ata Localia ou Auria TV.
En consecuencia, HQB pódese entender como unha acción que tivo un efecto estructurador do movemento social galego demostrando a capacidade de acción e cooperación da súa base social, potenciando a súa autosuficiencia comunicativa e abrindo novas perspectivas de traballo de cara ao futuro. Neste sentido, desde Burla Negra e desde o colectivo Arredemo, enténdese que HQB foi a penas un paso máis no avance do movemento social e que será necesario continuar a traballar por ese espazo socio-cultural independente e aberto, a partir do diálogo e a cooperación entre os distintos colectivos e asociacións do movemento social galego.
O MOMENTO ACTUAL
Despois da campaña Hai que Botalos,
ARREDEMO entra nun proceso de reorganización e redefinición, determinado pola nova situación política galega e polas propias debilidades do proxecto, que desde a vulnerabilidade técnica do espazo web ata os problemas de financiación, funcionamento e continuidade, non son escasas.
Neste sentido, o grupo de traballo incial, formado por varios membros de Burla Negra e que durante estes dous anos ocupouse da coordenación e mantemento do proxecto de xeito voluntario, propón á asemblea do colectivo iniciar un proceso de planificación estratéxica que permita reactivar
ARREDEMO e iniciar unha nova fase no proceso de organización e desenvolvemento da rede de acción socio-cultural.
Así, a asemblea de
BURLA NEGRA decide apoiar con medios humanos e económicos este proceso de planificación estratéxica, habilitando un novo grupo de traballo para a súa coordinación e dinamización, de maneira a recuperar a participación e implicación de editor@s, usuari@s e calquera outra persoa ou colectivo interesados.
O PROCESO DE PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA
De cara a iniciar este proceso, o grupo de traballo e coordenación propón as seguintes premisas.
A. O proceso irá desenvolvéndose paso a paso, sendo prevista unha duración de tres meses (Outubro, Novembro e Decembro de 2005) ata a redacción do documento final.
B. Seguiráse a título metodolóxico este texto documental de Luis Cámara López: ETAPAS DE UN PROCESO DE PLANIFICACIÓN ESTRATÉGICA EN LAS ONL (Organizacións Non Lucrativas) e as súas propostas de dinamizacion e construción participativa
C. De acordo coas fases do proceso de planificación estratéxicas propostas en dito texto, atopámonos neste momento na fase de preparación. Esta fase ten dous obxectivos:
1. Actualización e reactivación do espazo web: creación dun espazo específico para a comunicación, reflexión e documentación do proceso de planificación, que permita a participación en rede.
2. Convocatoria do 2º Encontro Físico da Comunidade Arredema: o obxectivo deste segundo encontro será, por unha banda, a preparación nas dinámicas de participación propostas, e por outra a definición da misión e a visión do proxecto e o inicio da fase de análise e diagnóstico da situación actual.
Arredemo 2.0: Fase de Preparación
Arredemo en acción
Arredemo
Publicado por
Birnarem
368 lecturas •
0
Comentarios •
0
Referencias
Comentarios
Comentar