A Asemblea Local de Galiza Nova de Betanzos está a desenvolver unha campaña reivindicativa e informativa en prol do establecemento dun servizo de cercanías na liña férrea Coruña-Betanzos-Ferrol, un servizo ferroviario que achegue á mocidade e ao común da poboación da comarca das Mariñas aos seus centros de estudo e aos seus postos de traballo ao longo do corredor ferroviario Coruña-Betanzos-Ferrol.
A presenza do infrautilizado apeadeiro de Elviña no campus coruñés e o elevado número de mozas e mozos da bisbarra das Mariñas que estuda nos diversos centros de Coruña e Ferrol (en estudos universitarios, ciclos superiores, conservatorio e demais) é o detonante da campaña, toda vez que a saturación do transporte por estrada evidencia o illamento de Betanzos e a súa comarca a respeito da Coruña ou Ferrol no que a transportes públicos atinxe e non garante a rapidez suficiente nas conexións. Un ferrocarril metropolitano, un servizo de cercanías neste corredor Coruña-Betanzos-Ferrol serviría para todos os estudantes que precisan desprazarse e tamén para todos os cidadáns que teñan que desenvolver xestións, trámites ou traballar nos arredores deste corredor.
A campaña, baixo o rótulo evidente de “Tren de cercanías XA” desenvólvese ao abeiro dunha campaña emprendida por Galiza Nova da comarca da Coruña en prol dunha mellora substancial do Plano de Transporte Comarcal aprobado nos derradeiros compases do Governo Fraga e terá continuidade ao longo dos vindeiros meses a través de diferentes actividades, entre as que se inclúe a edición de cartaces, folletos e colantes ou varias iniciativas parlamentares nos foros onde o BNG conta con representación.