Lume Nunca Máis: Manifestación 1 de outubro de 2005 en Ourense
Archivado en
Novas Quentiñas •
Fecha: 22-09-2005 09:35
O Comité en Defensa do Monte Galego convoca a todos os cidadáns e cidadás de Galiza á unha manifestación nacional que terá lugar o vindeiro sábado 1 de outubro na cidade de Ourense ás 20:00 h para reclamar unha nova política forestal de prevención e loita contra os incendios que están a arrasar o monte galego. A saída terá lugar dende o Pavillón dos Remedios para rematar na Praza Maior, onde se dará lectura ao manifesto elaborado polo escritor Xosé Carlos Caneiro.
Segundo o último informe emitido polo Ministerio de Medio Ambiente o pasado 11 de setembro, no que levamos de 2005 un 26,5% de monte galego máis que no 2004. E un terzo das hectáreas queimadas no territorio español eran galegas.
Os lumes aumentaron nun 24,5% dende 2004
A superficie queimada en Galiza este ano é un terzo da total do Estado
Galicia acapara un tercio del terreno arrasado por los incendios de este año
Baixo o lema LUME NUNCA MÁIS. O NOSO MONTE IMPORTA, os diferentes colectivos que conforman este comité fai unha chamada ás institucións e á sociedade civil galega para que tomen conciencia das medidas urxentes que o comité reclama no documento de BASES EN DEFENSA DO MONTE GALEGO que adxuntamos:
- PRIMEIRO.- A creación dun Consello Forestal Galego no que estean integrados todos os axentes sociais. Del sairía un órgano consultivo e representativo multisectorial, a semellanza do que ocorre nos países do noso contorno.
- SEGUNDO.- Un cambio na política agro-forestal, coa revision do Plan Forestal de Galicia e dos Plans de Loita Contra o Lume (INFOGA), para acadar o consenso necesario entre todos os grupos políticos e sociais, en particular dos propietarios forestais.
- TERCEIRO.- A creación da Fiscalia de Medio Ambiente para velar pola conservación do patrimonio natural, así como mellorar a investigación dos lumes e a coordenación das forzas da orde pública cos servizos forestais.
- CUARTO.- Transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios: facilitarlle á opinión pública o coñecemento da realidade, de xeito que poida reaccionar de forma positiva diante desta problemática. Emprego de satélites de teledetección para unha avaliación real do número de incendios e da superficie queimada.
- QUINTO.- Os equipos de extinción deben estar baixo un mando único e depender na súa totalidade da Consellaría de Medio Ambiente. A transferencia dos equipos de extinción ós Concellos produce a súa descoordenación, desprofesionalización, falta de homoxeneidade dos equipos, menor eficacia e ampliación da estrutura político-caciquil, ao non haber control na contratación nin equidade nos salarios percibidos.
- SEXTO.- Ordenación dos cultivos agrarios e forestais e mobilización produtiva das terras asignándollelas localizacións máis axeitadas, evitando o aumento da superficie ocupada por especies de medra rápida (eucaliptos, piñeiro “radiata”,...), ao tempo que a perda de mais Superficie Agraria Útil, parámetro no que Galiza xa ocupa o último posto da Unión Europea. Neste senso, resulta urxente elaborar plans de ordenación dos montes que contemplen os aproveitamentos agrogandeiros, compatíbeis coa existencia de matos e áreas boscosas multifuncionais.
- SÉTIMO.- Posta en marcha inmediata de plans de restauración e recuperación das zonas afectadas por incendios nos últimos anos.
- OITAVO.- Implicar na conservación e protección do patrimonio natural a todas as Consellarías do Goberno Galego e mellorar a coordenación coas Administracións públicas central e local.
- NOVENO.- Trasladar ao eido educativo os contidos e coñecementos ambientais e fomentar en toda a sociedade valores que favorezan comportamentos compatíbeis coa preservación e mellora do medio (campañas de concienciación e sensibilización). Formar e informar especialmente ás Comunidades propietarias de montes, promovendo o sentimento de identidade positiva entre o veciño e o monte.
- DÉCIMO.- Incremento dos investimentos para a prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Estabelecer sistemas de axuda económica (subvencións e exencións fiscais, etc.) para montes públicos conveniados ou privados orientados á conservación.
- DÉCIMO PRIMEIRO.- Fomentar a creación de emprego, así como a estabilidade das persoas que traballen en labores relacionados coa multifuncionalidade do monte, xa que resulta fundamental para acabar cos lumes a revitalización económico/demográfica do mundo rural onde se localizan as grandes superficies forestais. Cómpre tamén profesionalizar a tarefas de prevención, detección e extinción mediante creación de emprego fixo e con plans especificos de formación.
- DÉCIMO SEGUNDO.- Control do sector forestal centrado en aspectos como a extinción de incendios, a reforestación, o aproveitamento da madeira, a caza, o pastoreo, etc., co fin de que os seus beneficios non dependan directamente do aumento do número de incendios ou da superficie afectada.
- DÉCIMO TERCEIRO.- Potenciar a creación de sectores industriais e empresariais que centren o seu traballo na conservación de masas forestais e na prevención dos incendios.
Razóns para ir de mani
Os lumes forestais constitúen un dos principias problemas da nosa terra, son o maior factor destructor da cuberta vexetal. A incidencia dos incendios nos ecositemas galegos é de 8 a 12 veces superior á media estatal, malia as súas condicións climáticas máis húmidas.
As consecuencias dos lumes son nefastas: erosión do solo, destrucción de fauna e flora, deterioración da paisaxe, contribución ao cambio climático global, perdas económicas polo estrago de recursos forestais, perda de biodiversidade,…
A superficie forestal galega é o 7,7 % da superficie forestal do Estado.
No período 1991-2004 en Galicia producíronse o 52,4% dos incendios forestais do Estado español. Neste período a superficie calcinada galega é, dependendo do ano, de entre o 18 % ao 40,14 % do total estatal.
En Galicia prodúcese unha media de 1 incendio forestal por cada 2 quilómetros cadrados de superfice forestal, no Estado a media é de 1 incendio forestal por cada 25 quilómetros cadrados de superficie forestal.
A media de incendios forestais no conxunto da Unión Europea na última década é de 45.000 incendios por ano.
No que vai do ano 2005 no Estado español calcináronse arredor de 153.000 hectareas, desta superficie perto de 50.000 hectáreas eran ecosistemas forestais galegos que forón estragados por máis de 10.000 lumes. En Ourense a superficie afectada supera as 25.000 hectáreas.
En Galicia o 99,14 % dos incendios forestais son provocados pola actividade humana (período 1968-2003) polo tanto son evitables e en moitos casos previsibles.
• Dados do “European Forest Institute”, “Ministerio de Medio Ambiente”, “Xunta de Galicia”, “Centro Superior de Investigaciones Científicas”.
Os galegos e galegas o conxunto da cidadanía somos os que temos que rematar con este grave problema enquistado, con este endemismo anacrónico. Non se pode aturar por máis tempo a situación insostible actual.
Debe abrirse un amplo debate social sobre a problemática dos incendios forestais e débese considerar a política de loita contra incendios forestais como unha política de Estado.
Na busca de solucións deben de participar tódolos grupos políticos, os distintos axentes sociais e económicos do sector, tratar en profundidade as directrices precisas para acadar o necesario consenso contra os lumes forestais.
Non debemos esquecer o deber que todos e todas temos de conservar o patrimonio natural e a o obriga de facerllo chegar as futuras xeracións, como pouco da mesma forma en que nós o atopamos.
O Noso Monte Importa. Lume, Nunca Máis
O noso monte importa
Comité de Defensa do Monte Galego
Publicado por
Birnarem
400 lecturas •
2
Comentarios •
0
Referencias
Comentarios
-
E virás por aquí?
Saúdos! Spaviladiyo — 27-09-2005 12:06:21
-
A ver se podo ir, confirmareicho Spaviladiyo.
Birnarem — 28-09-2005 10:02:20
Comentar