Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Incertidume sobre a autoría do envío dunha carta-bomba a xove coruñés

Archivado en Denuncias • Fecha: 15-09-2005 09:27

Desde que Francisco José Vázquez Pereiro recibise en xullo unha carta-bomba no seu domicilio, nos medios fóronse publicando diversas hipótesis, algunhas delas incriminando ao propio ferido. A continuación actualízanse e desmíntense datos, nesta versión completa do artigo publicado no nº13 do periódico Diagonal.

O pasado 14 de xullo, Francisco José Vázquez Pereiro, coruñés de 28 anos, licenciado en Socioloxía e vencellado ao Centro Social A Treu, resultou víctima da explosión provocada por unha carta-bomba recibida no seu domicilio. Ao abrir o sobre, Fran viu escrito repetidamente "Me levanté por la mañana y vi que la bomba estaba allí" e pensou nun envío macabro, aínda que non como da gravedade que finalmente resultou ser. Instantes despois ocurría a deflagración.. Foi trasladado ao hospital e ingresado con pronóstico grave. Tras dúas semanas hospitalizado, recibía a alta cos témpanos rotos (recuperables con ciruxía), perda auditiva dun 30% e con perforacións e queimaduras en diversas partes do corpo. O domicilio familiar foi rexistrado e se lle confiscou o disco duro do seu ordenador persoal para investigalo.

O atentado non foi reivindicado ata o de agora, o que deu pé a diversas interpretacións. Desde fontes policiais, e coa repercusión conseguinte nos medios de comunicación, apuntábase á Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), organización xuvenil independentista á que Fran pertencera. O motivo tería sido unha “vinganza interna”. AMI emitiu un comunicado desligándose de calquera relación con este suceso e recalcando o seu traballo aberto, público e desligado da violencia. Ese móvil voltou a apuntarse trala detención o 25 de xullo en Santiago de Compostela de dúas persoas vencelladas a esta organización, acusadas da colocación dun artefacto explosivo nun caixeiro automático. No seo do movemento independentista galego está tendo lugar un debate en torno á lexitimidade e a utilidade destas prácticas, e á posible relación entre ambos feitos.

Pasadas unhas semanas do suceso, foi tomando forza a hipótesis da carta-bomba, cando nos días seguintes á explosión se barallaron diversas posibilidades, a pesar de que a existencia do envío postal era doadamente contrastable a través do propio carteiro da zona. Aínda así, ao peche desta edición pesa sobre Fran a imputación desde a Audiencia Nacional de pertenza a banda armada e tenencia de explosivos, coa posibilidade pendiente de ter que ir declarar se non se lle retirasen ditos cargos.


Tratamento mediático-político-policial: de víctima a autor

Os titulares da prensa galega do día seguinte ao atentado apuntaban múltiples hipótesis pouco ou nada coincidintes coa realidade. Mentres Fran, a súa familia e as súas amistades pasaban por duros momentos, La Voz de Galicia titulaba “Un coruñés herido grave al explotar un sobre que manipulaba en su casa” e, en segundo lugar, “La víctima, presuntamente ligada a movimientos independentistas, acababa de recibir la carta”. El Correo Gallego encabezaba “Grave un miembro de AMI al estallarle una bomba en casa”, para a continuación reflectir as declaracións de Manuel Ameijeiras, Delegado do Goberno en Galiza, quen non descartou “que el joven estuviese preparando una acción de cara al próximo 25 de julio”. La Opinión de A Coruña relacionaba a Fran con Segi, “parte del entorno de ETA”. Varios medios fixéronse eco, recollendo fontes policiais, da suposta acusación directa do ferido hacia AMI, feito desmentido polo propio Francisco. Mención aparte merece a “información” aparecida no diario gratuíto Metro: baixo o titular “Estalla el explosivo que manipulaba” recóllense as declaracións do irmán de Fran afirmando que el mesmo recolleu un sobre no buzón e llo entregou ao seu irmán, para acto seguido finalizar a columna con “Este dato hace descartar a la Policía el hecho de que se tratase de una carta-bomba. Todo parece apuntar a que el sobre contenía ciertos componentes explosivos que el herido podría haber estado manipulando en el momento del suceso”. En canto a medios estatais, El País titulaba “Herido grave un joven en A Coruña cuando manipulaba material explosivo” e ABC “El joven herido en La Coruña pertenece a un grupo violento e independentista”. Entre este panorama mediático xeralizado, as excepcións viron da man do portal Vieiros e o semanario A Nosa Terra, ambos diferenciando información de opinión e este último aportando reflexións diferentes acerca da posible autoría.


Sergio Álvarez de Neira

Publicado por sergio_d_xira
343 lecturas • 1 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios

  1. Espero que algún día saibamos o que realmente pasou.

    Dende logo o que sí está claro é os prexuícios que ten a maioría da xente, tics automáticos ás veces e intencionados noutras de vincular ideas independentistas vascas, catalás ou galegas con terrorismo, incluso chegando a consideralas sinónimas.

    En canto a José Vazquez Pereiro, espero que se recupere o millor posible dos danos físicos e psicolóxicos que lle causara o suceso, e poda continuar coa súa vida á marxe de calumnias, cotilleos e prexuícios.

    Birnarem — 15-09-2005 13:30:20


Comentar



Recordar datos