A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presentou o informe "12 indicadores ambientais. Galiza insustentábel". Con este informe, ADEGA pretende chamar a atención sobre o preocupante estado ambiental da nosa terra e o carácter ecoloxicamente insustentábel do noso modelo de desenvolvemento. Asemade, quere pór de manifesto a necesidade de crear un Observatorio Galego da Sustentabilidade que elabore e actualice periodicamente un sistema completo de indicadores, unha ferramenta imprescindíbel para a toma de decisións políticas e a participación social, no marco dunha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel.
Os 12 indicadores seleccionados por ADEGA, baseados en datos oficiais, debuxan un panorama ben negativo en termos de protección ambiental e de desenvolvemento sustentábel. Sinalan tendencias contrarias á sustentabilidade, como o forte crecemento das emisións de gases que causan o cambio climático, da xeración de lixo ou do consumo de enerxía. Algúns son de carácter sintético, como a pegada ecolóxica, máis elevada do que cabería agardar por causa das cuantiosas emisións de dióxido de carbono das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama. Outros revelan o atraso de Galiza en materia de protección ambiental en comparación con outros países ou a gravidade de problemas como os incendios forestais ou a perda de biodiversidade.
Malia o número de indicadores seleccionados ser insuficiente, pódese concluír que o modelo de desenvolvemento de Galiza é ecoloxicamente insustentábel. Estamos a dilapidar capital natural e a estragar o territorio, usamos de forma ineficiente e en exceso os recursos naturais e cada vez xeramos máis residuos e máis contaminación.
Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel
ADEGA demanda da Xunta o impulso, coa máxima participación social, dunha auténtica Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentábel ou Axenda 21 Galega que involucre a todas as Administracións públicas e a toda a sociedade civil. Esta estratexia debe definir un sistema completo de indicadores para avaliar os avanzos e recuos en materia de sustentabilidade. Isto facilitará que a opinión pública poida entender facilmente cal é o estado real do noso medio ambiente e a incidencia sobre el dos distintos sectores económicos. É un elemento esencial para a toma de decisións politicas e a participación social.
E para todo isto propón "Un programa para a terra: Propostas para avanzar cara a unha Galiza sostíbel na próxima lexislatura"
A nivel estatal xa existe un Observatorio, creado en febreiro pasado. Algunhas cidades e comunidades autónomas do Estado español xa posúen sistemas de indicadores ambientais.
Os 12 indicadores ambientais
Pegada ecolóxica: É moi alta. O noso país consome recursos e xera contaminación 6 veces por riba das posibilidades do seu territorio.
Índice sintético global de desenvolvemento sustentábel. Galiza é unha das comunidades autónomas españolas con menor índice.
Emisións de gases de efecto invernadoiro: As emisións aumentaron un 37,3% entre 1990 e o 2004, máis do dobre do límite fixado no marco do Protocolo de Quioto para o conxunto de España.
Consumo de enerxía: O consumo de enerxía final (calor, electricidade, petróleo e derivados) aumentou entre 1997 e 2002 nun 34,1 %.
Tratamento de augas residuais: Galiza é unha das comunidades autónomas cunha menor porcentaxe de poboación equivalente con tratamento de augas residuais.
Xeración de residuos urbanos: A xeración de residuos urbanos umentou nun 23% entre 1998 e 2003.
Xeración de residuos industriais: Galiza xera 61 millóns de toneladas anuais de residuos industriais. O 90% prodúcense en actividades mineiras. Xéranse 61 kg/habitante e día, unha das taxas máis elevadas do mundo.
Incendios forestais: Desde 1968, o número de lumes medrou até atinxir no período 2000-2004 unha media de 10.500 lumes anuais.
Grao de naturalidade dos bosques: Galiza é rica en plantacións forestais pero pobre en auténticos bosques. Só o 35% da superficie arborada está coberta por bosques seminaturais.
Superficie de agricultura ecolóxica: A agricultura certificada como ecolóxica ten pouco peso en Galiza, á cola do Estado canto á operadores (menos do 2%) e superficie (inferior ao 1% da superficie estatal certificada).
Rede Natura 2000: Galiza é, despois de Melilla, a comunidade autónoma española que menor porcentaxe do seu territorio propuxo para a Rede Natura 2000, o 12,1%.
Especies ameazadas: Parte das nosas especies de fauna e flora áchase ameazada de extinción. Considerando tan só aves, mamíferos e anfibios e répteis, o 14% están en perigo de extinción ou son vulnerábeis.
Artigo completo dos 12 indicadores ambientais. Galiza insustentábel (PDF)
Adega Galiza
Vieiros