Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Caixa Galicia comeza a campaña 'Vuelta al cole' en español e en catalán

Archivado en Novas Quentiñas • Fecha: 07-09-2005 10:15

A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta que Caixa Galicia volva dar pasos atrás no uso do galego e novamente exclúa o noso idioma das súas campañas publicitarias. Esta entidade de aforro acaba de lanzar a campaña de financiamento “Vuelta al cole” cos materiais tanto en español como en catalán, mais sen edición ningunha en galego. Igual desaparición do idioma de Galiza vemos na nova sinaléctica que recentemente colocou nos seus caixeiros. Resulta, cando menos, paradoxal que unha entidade galega exclúa o galego mentres entidades foráneas como La Caixa inclúen sistematicamente o galego nos seus folletos publicitarios. Se Caixa Galicia non quere utilizar a lingua propia, debería comezar a pensar seriamente en mudar o seu nome para Caja Galicia.

Podes facerlle chegar a túa queixa a atencioncliente@caixagalicia.es

Para A Mesa pola Normalización Lingüística, a actitude de Caixa Galicia é especialmente “lamentábel”, porque se produce despois de que no mes de marzo a propia entidade anunciase o comezo da súa galeguización interna, respondendo a unha demanda social.

Unha carteira de clientes pide máis galego nos bancos

A Mesa pola Normalización Lingüística agrupou nos últimos meses unha carteira de clientes valorada en algo máis de 15 millóns de euros. Esta carteira de clientes entregarase a aquela entidade ou entidades que ofrezan mellores servizos galeguizados. Caixa Galicia, ao discriminar o galego novamente, parece querer autoexcluíse dos potenciais destinatarios desta bolsa de clientes.

A Mesa mantivo nos últimos meses conversas cos directivos e directivas das principais entidades bancarias e de aforro, comprometéndose varias destas entidades a facer avanzar notabelmente o proceso de normalización lingüística interno e de atención ao público. A asociación en defensa da lingua manterá novas reunións nas próximas semanas, para avaliar estes procesos de incorporación do galego.

Cambia a túa nómina para unha caixa ou banco que use o galego

A Mesa pola normalización lingüística

Publicado por Birnarem
320 lecturas • 5 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios

  1. Pois si... A verdade é que manda carallo...

    Pinfloiz — 12-09-2005 11:46:22

  2. Non deberiamos esquecer que Caixa Galicia, ó igual co resto das caixas, ten unha dobre moral: intentan defender unha imaxe de entidades púbricas e orientadas á creación de beneficio social, cando en realidade operan cada vez mais con ánimo de lucro e dun xeito que asemella mais ós bancos (en parte polo feito de que precisan da creación de beneficio para sobrevivir).

    Respecto da discriminación do galego por parte desta entidade, eu xa fai tempo que escoitei falar a directivos referíndose á mesma como "Caja Galicia" (non a Xose Luis Méndez, claro). Non creo que sexa algo tan terrible nin que lles vaia tan mal con esa actitude, posto que sempre gañan mais e a xente non protesta masivamente...

    Pailaroco — 13-09-2005 08:26:39

  3. É ilegal pedir un boicot a unha entidade financeira? Non di a lei de Comercio que se deben respeitar as linguas oficiais e que o cliente debe ser tratado na sua lingua? Se non o di debía deci-lo. Saúdos

    xisbe — 14-09-2005 22:48:54

  4. Xa vai sendo hora de que empecemos a normalizar o uso do galego, e o mundo empresarial, especialmente nas cidades, é un mundo castelanizado cáse ao 100%, tanto en trato ao público e sobre todo en trato interno e relacións entre persoas e empresas.

    Birnarem — 15-09-2005 09:20:53

  5. E eu que me sorprendía (ben pouco), ou máis ben me indignaba de que nas oficinas extragalaicas da Caja Galicia o persoal non falase galego...

    sergio_d_xira — 16-09-2005 20:10:42


Comentar



Recordar datos