Mentres grupos empresariais diversos rifan aquí e acolá por apañar cota en espazos mediáticos e audiovisuais variados, na rede agroman propostas que tratan de cubrir as eivas dos grandes medios. Unha das últimas e máis ambiciosas ideas chega dos EEUU, e pretende a creación dunha canle de televisión, a IWT News, que abra a pantalla a outras voces e funcione sen publicidade. "No noso mundo real hai un tipo de matrix fomentado por líderes políticos e a maioría de canles televisivos. Eles crean unha falsa visión do mundo na que se supón que as audiencias teñen que crer", advirte Paul Jay, o xornalista canadiano que está á fronte do proxecto.
"Os xornalistas televisivos a miúdo deben aprender o código da súa redacción e suprimir os seus mellores instintos xornalísticos, ou non durarán", láiase Paul Jay, "isto débese á dependencia das corporacións empresariais e á atmósfera política promovida nas redaccións logo do 11S, iso que Dan Rather decribiu cona intimidación", explica Jay nunha entrevista na Guerrilla News Network, que traballou durante dez anos para a CBC e foi autor tamén de importantes programas documentais nos últimos vintecinco anos, "agora mesmo están debuxando un mundo rodeado por forzas que seica queren destruirnos porque odian as nosas creencias, valores e modo de vida", critica en referencia ao discurso máis habitual do presidente estadounidense.
A coñecida activista alterglobzalizadora Naomi Klein e o intelectual Gore Vidal son algúns dos apoios públicos a este proxecto informativo que quere botar a andar de xeito regular no ano 2007. Para os próximos meses tentarán reforzar a súa actividade a través de internet, onde xa ofrecen algúns vídeos, e saltar dos cinco millóns e medio de euros de recadación xa conseguida aos máis de vinte millóns de euros en doazóns cos que pretenden lanzar o proxecto a nivel mundial. "Os xornalistas cidadáns e profesionais da IWT News terán a súa propia axenda", di Jay, "baseada na verdade e os principios do bo xornalismo" e coa garantía de que "non hai financiamento de gobernos, empresas, nin publicidade".
Vieiros
Pailaroco — 06-09-2005 08:24:28
Birnarem — 06-09-2005 09:45:53