"Legaliza a contaminación xenética no canto de garantir a protección dos cultivos e dos produtos non transxénicos", advirten asociacións de labregos e colectivos ecoloxistas ao fío do borrador de Real Decreto para a coexistencia entre cultivos transxénicos, convencionais e ecolóxicos. Ao tempo, critican que a ministra de Agricultura rachase o compromiso para a participación das organizacións sociais na elaboración dunha nova proposta despois da paralización da versión anterior deste proxecto.
Nun comunicado asinado por varios colectivos, entre eles CCOO, o Sindicato Labrego Galego, Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra, os colectivos denuncian que o Estado español segue sendo o "único en Europa onde se cultivan variedades retiradas pola Axencia de Seguridade Alimentaria Europea e prohibidas noutros países".
O informe sobre este borrador que presentan os colectivos denunciantes indica que se "omite a responsabilidade dos danos no agro convencional e ecolóxico provocados pola contaminación por transxénicos" e pide que se lexisle sobre esa responsabilidade "aplicando o principio de quen contamina paga". Nese sentido subliñan que o texto presentado "exime as empresas que comercializan as sementes modificadas xeneticamente de toda responsabilidade", avisan que se "condena aos labregos a non poderen escoller o tipo de producción que desexan e aos consumidores a non teren liberdade de escolla no tipo de alimentos que desexan consumir" e critican que "non se establece ningunha medida específica para garantir a tolerancia cero na contaminación de sementes" e "non se deixa a posibilidade de declarar zonas libres de transxénicos de xeito xenérico".
Por outro lado, e logo de felicitar que se lle dese voz no proceso ao ministerio de Medio Ambiente, do que gaban que nos últimos meses abrise fluídos cauces ao diálogo cos colectivos, cualifican de "incomprensíbel" o feito de que este ministerio "apoie tanto o texto coma o xeito de proceder do ministerio de Agricultura". Lembran ao respecto que no último Consello de Ministros de Ambiente da UE, o ministerio se posicionara contra a proposta ao respecto destes cultivos realizada pola Comisión Europea para levantarlle as moratorias estatais a algúns estados, polo que cualifican de "contraditoria" a posición agora asumida.
Vieiros