A once anos da sublevación indíxena, Chiapas segue apostando á Utopía
O zapatismo "renace" co anuncio dunha nova forma de facer política.
¡"Alerta vermella xeneralizada"! Corría o 20 de xuño pasado e logo de meses dun relativo silencio o Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) comunicaba ao mundo a aplicación dunha medida extrema de urxencia nos seus territorios, a que alimentaría de inmediato as máis diversas hipóteses.
Ese anuncio, lanzado dende o corazón da selva Lacandona, percorreu miles de quilómetros en poucos segundos para chegar aos máis afastados recunchos planetarios. As principais redes de información alternativa - e incluso certas transnacionais da información- deron conta de inmediato da decisión rebelde. Unha vez máis as vías virtuais e numerosos multiplicadores rompían, "o cerco do silencio" denunciado moitas veces polos líderes indíxenas.
Da mesma maneira que once anos e medio atrás cando se fixeron coñecer ao mundo, os zapatistas apropiáronse de Internet para transmitir a súa verdade, exercitando así unha nova metodoloxía de comunicación revolucionaria que dende a súa aparición pública converteulles nunha das sublevacións populares máis mediatizadas da historia contemporánea.
O alerta implicaba o peche dos “caracoles”, das oficinas das “Juntas de Buen Gobierno” e dos “Concejos Autónomos Zapatistas”. É dicir, a volta á clandestinidade total das instancias de poder popular que o EZLN ha instaurado durante os últimos anos.
Un novo comunicado de fins de xuño do sub comandante Marcos -o mítico e ata agora descoñecido dirixente de capucha e pipa- clarificaría o misterio. Entre o 20 e o 26 de xuño realizárase unha ampla consulta democrática entre as bases do seu movemento e as comunidades indíxenas activas. O 98 % aprobara unha "nova iniciativa política de carácter nacional e internacional", a que virá a revolucionar aínda máis a loita indíxeno-campesiña iniciada naquela rexión do sureste mexicano e que hoxe busca dar un ambicioso paso cara diante.
A utopía chiapaneca
O EZLN alzouse en armas o 1 de xaneiro de 1994, xusto o día que entraba en vigor o Acordo de Libre Comercio entre Estados Unidos, Canadá e México. É dicir, data emblemática na consolidación do modelo de globalización neoliberal en América do Norte.
A sublevación que implicou a "aparición" dun novo actor político-social na escena mexicana ata entón totalmente descoñecido-, consistiu na toma militar de cinco municipios dos Altos e a Selva de Chiapas así como a publicación da (primeira) Declaración da Selva Lacandona que definía as bases conceptuais e estratexia do movemento. Os zapatistas reivindican alí o seu carácter en tanto "forza indíxena"…"producto de 500 anos de loitas", é dicir dende o momento mesmo da chegada dos españois a América.
Non propugnaban a conquista do poder nin instaurar o socialismo , obxectivo principal noutras experiencias guerrilleras latinoamericanas. Limitábanse" a solicitar que o poder lexislativo e o xudicial restauren a legalidade da nación depoñendo ao entón presidente Carlos Salinas de Gortari, acusado por autocracia e corrupción. Por outra parte, elemento distintivo adicional, o movemento chiapaneco reivindicaba como base da súa lexitimidade o artigo 39 da Constitución mexicana que define que a soberanía nacional reside no pobo e que este pode modificar a forma de goberno que se queira dar.
Logo de dez días de loita, que deixaron cando menos 150 mortos, iniciouse un proceso de diálogo e negociación coas autoridades federais coa esixencia de elaborar unha Lei de Dereitos e Culturas Indíxenas, aprobada polo Congreso en abril do 2001 pero con modificacións do texto orixinal negociado cos rebeldes, polo que o proceso de diálogo "inestable" mantense bloqueado.
Dende entón, o zapatismo despregou as súas propias estructuras organizativas e de goberno nas zonas que controla, exercitando un proceso silencioso de acumulación de poder propio. Sempre en vixilia, con estructuras semiclandestinas e soportando, nos últimos once anos, dende ofensivas militares abertas do poder mexicano, ata masacres (como a de Acteal), pasando por presións, cercos e violacións dos seus dereitos humanos básicos.
Avanzar para non perder todo
Tres semanas despois de decretar a "alerta vermella" e consumado o proceso de consulta entre as súas comunidades, a través doutro comunicado da súa dirección o EZLN anunciou o levantamento desa medida a partir do 15 de xullo. O funcionamento das súas estructuras de goberno así coma as visitas e contactos internacionais normalizáronse a partir de entón. Anticipándose ademais a nova estratexia que dende agosto do 2005 impulsarán os rebeldes chiapanecos.
Explicada na Sexta Declaración da Selva Lacandona, a estratexia consistirá en saír, física e politicamente, do seu santuario chiapaneco para impulsar unha ampla política nacional de alianzas con outros actores sociais que loitan polo cambio en México.
"Imos seguir loitando polos pobos indios de México pero xa non só por eles nin só con eles, senón que por tódolos explotados e desposuídos de México", sinala o documento. Que indica que neste contacto con "a xente sinxela e humilde do pobo mexicano" vaise promover "un programa de loita…que sexa claramente anticapitalista, ou sexa anti-neoliberal, ou sexa pola xustiza, a democracia e a liberdade"
Todo isto coa proposta de elaborar unha nova Constitución "que recoñeza os dereitos e liberdades do pobo e defenda ao feble fronte ao poderoso". Para elo, o EZLN enviará delegacións da súa dirección "para facer este traballo en todo o territorio e por tempo indefinido". Anticípase tamén que o EZLN "establecerá unha política de alianzas con organizacións e movementos non electorais que se definan en teoría e práctica como de esquerda…para construír DENDE ABAIXO E POR ABAIXO, unha alternativa á destrucción neoliberal, unha alternativa de esquerda para México".
Tras esta iniciativa, maniféstase a proposta zapatista de "tratar de construír ou reconstruir outra forma de facer política...co espírito de servir ós demais, sen intereses materiais, con sacrificio, con honestidade, que cumpra a palabra, que a única paga sexa a satisfacción do deber cumprido..." Tan simple como complexo: unha bomba ética no corazón dun país e un continente atravesado pola corrupción xeneralizada das instancias de poder e polo desencanto das maiorías.
¿Fundamento "moral" da nova proposta zapatista? Dous argumentos de importancia capital. O primeiro, o sempre activo concepto da solidariedade internacional. "Dicirlles a tódolos que resisten e loitan do seu xeito e nos seus países que non están sos, que nós os zapatistas aínda que somos moi pequenos, ...imos ver o modo de axudarlles". E para elo a promesa -tinxida dunha forte simboloxía- de enviar 8 toneladas de millo "no camión que se chama *Chompiras*- ou dous recipientes de 200 litros cada un con gasolina ou petróleo para Cuba". E millo para os indíxenas de Bolivia e Ecuador…Ou enviar artesanías ou café orgánico das súas cooperativas a Europa "para que o vendan e saquen un pouco de paga para a súa loita. E se non se vende, pois sempre poden tomar un cafecito e platicar da loita anti-neoliberal e se fai un pouco de frío pois tápanse cos bordados zapatistas."
O segundo argumento, o fondo espírito de autocrítica que aparece en moitos parágrafos da Declaración de Lacandona. Entre eles, o ligado ao "respecto ás compañeiras" ( reivindicar o elemento feminista) e , a relación entre o político e o militar, ao constatar "que o EZLN estábase metendo nas decisións que lle tocaban ás autoridades democráticas, ou civís" nas zonas baixo control zapatista.
A utopía chiapaneca foi así renovada e reactualizada nas últimas semanas. Pasos tan arriscados como significativos cuia validez só a práctica o balance futuro poderán avaliar. "Chegamos a un punto onde non podés ir máis alá e, ademais, é posible que perdamos todo o que temos se nos quedamos como estamos e non facemos nada máis para avanzar. Ou sexa que chegou a hora de arriscarse outra vez e dar un paso perigoso pero que paga a pena...Un novo paso na loita indíxena só é posible se se xunta con obreiros, campesiños, estudiantes, mestres, empregados, ou sexa os traballadores da cidade e o campo."
Piares da utopía zapatista
O zapatismo é hoxe, sen dúbida , un dos emblemas e paradigmas da resistencia ó modelo neoliberal. Nado nun momento internacional moi especial, pouco tempo despois que se producise a caída do Muro de Berlín e a derrota sandinista en Nicaragua, o discurso do EZLN aportou varias consecuencias directas inmediatas.
Constituíu unha bofetada ao modelo hexemónico neoliberal e o desmitificou -un grupo de indíxenas que se permiten desafiar ao gran poder dominante-. Constituíu un mensaxe de esperanza para outros indíxenas e actores sociais emerxentes. Reanimou a solidariedade internacional nun momento en que perdera todo parámetro de referencia conceptual.
O zapatismo, esbozou unha serie de valores conceptuais que seguen alimentando o debate e enriquecen a reflexión. "Configurou un horizonte ideolóxico, ético, lingüístico e cultural propio.Os indios xa non se ven igual a como se vían antes de 1994", sostén Luis Hernández Navarro, coordinador de Opinión do periódico mexicano "La Jornada".
Os zapatistas non preconizan tomar o poder senón resistilo. Defínense como "forza rebelde" e entende a rebelión como movemento insurxente en pro da vida. "Morra a morte, viva a vida" foi unha das consignas que acompañaron a ocupación de San Cristóbal das Casas.
Tal como o sinala Hernández Navarro, "o zapatismo ten raíces no local e un horizonte planetario: a loita contra o neoliberalismo, o valor do comunitario, o recoñecemento á xestión colectiva, a reivindicación das identidades, a defensa da natureza, a liberación das mulleres e a solidariedade internacional…O seu resultado final é, sen embargo, distinto a cada un deles. Entre os ingredientes que compoñen esa mestura atópanse as utopías indíxenas, a loita agraria inspirada polo caudillo Emiliano Zapata (de onde vén o nome de zapatismo), o guevarismo do Che e as propostas de liberación de cristiáns progresistas.
A partir das últimas semanas outros piares veñen a reforzar os cimentos desta utopía zapatista. A alianza con outros actores sociais anti-neoliberales (obreiros, estudiantes); negociar un plano de loita; apostar a unha nova Constitución así como reconstruír a forma tradicional de facer a política.
Sergio Ferrari
Rebelión
El zapatismo "renace" con el anuncio de una nueva forma de hacer política (castellano)