Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Carta aberta ao Consello de Administración da CRTVG

Archivado en Denuncias • Fecha: 19-07-2005 11:23

Enrique Banet, que foi director do programa de cultura ecolóxica SENDA VERDE na TVG, e que foi despedido de xeito improcedente, entre outras razóns por participar na realización de Hai que Botalos coa curtametraxe Incendios, vén de escribir unha carta aberta ao Consello de Administración da RTVG, que publicamos a continuación.

O cambio vai demandar reformas en profundidade en todos os eidos, e especialmente no que se refire aos medios de comunicación públicos. A carta do compañeiro Enrique ten a virtude de enunciar a situación na que se atopa o medio de comunicación galego por excelencia.

"Sra e Sres. membros do Consello de Administración da Compañía R.T.V.G.,

A piques de rematar unha longa etapa na vida da R.T.V.G., non quero deixar pasar a oportunidade de expoñerlles algunhas cuestións.

A primeira é que non entendo cal foi, e segue a ser, o papel desempeñadp polo Consello do que Vdes. formaron parte durante os últimos anos, xa que, baixo a súa tutela, a R.T.V.G. foise degradando ata os límites actuais, e cando falo de degradación refírome tanto a contidos como a corrupción, censura, manipulación informativa, relación co persoal, etc., etc.

En canto a mín, e segundo me consta porque así mo manifestaron diferentes membros dese Consello, o programa SENDA VERDE, que tiven a honra de dirixir e presentar durante preto de dez anos, foi o único que Vdes. estiveron unánimemente de acordo en considerar de interese público e social. A pesar diso o programa foi sistemáticamente marxinado, censurado e minimizado en recursos, ata facelo prácticamente inviable.

Levando ata as súas últimas consecuencias o exercicio da censura por parte dos Sres. Campos (Director Xeral) e Barciela (Director de Comunicación e Relacións Externas), e apoiándose nunha política de contratación fraudulenta e abusiva propiciada polo Sr. Cortázar (Director de Recursos Humanos), fun despedido da T.V.G. (¿sabíano vostedes?) no pasado mes de Marzo. Por certo, ¿están Vdes. informados dos despidos masivos practicados no mes de Xaneiro deste ano, e das causas que os provocaron?. ¿Coñecen Vdes. de quen son as E.T.T.s que se encargan deses contratos precarios?. ¿Saben Vdes. que a R.T.V.G. regala cadros de máis de un millón de pesetas “por Navidad”, e que tales obras son repartidas por choferes da propia Compañía?. ¿Saben Vdes. quen ordena isto, e por qué?. ¡Cantas cousas deberían saber vostedes!. Por exemplo, que eu fun despedido en clara represalia por facer un vídeo sobre incendios para a campaña de “Hai que botalos”, cousa que, polo visto, non foi do agrado do Director Xeral, Sr. Campos. Polo que puiden comprobar despois, a decisión de despedirme tomouse nun momento no que eu aínda non fixera nada efectivo, e debo recoñecer que foi a propia censura a que aínda me espoleu máis á hora de actuar.

Afortunadamente a Xustiza existe, e gañei o xuízo interposto en Maxistratura polo que eu consideraba un despido improcedente: un xuízo máis entre outros tantos que a R.T.V.G. perde a causa das irregularidades nas contratacións. Supoño que non é necesario insistir no feito de que, se non hai máis denuncias, é porque a xente nova teme polo seu futuro (¿coñecen vostedes a sensación de precariedade?).

Todo isto viña acontecendo á par doutras cousas que supoño que Vdes., ben pagados e con substanciosas dietas cobradas por ese concepto, deben coñecer con exactitude. Refírome á nefasta xestión da Casa, na que o Director de Programas, Sr. Carballo, nin programa nin demite por non programar, o que supón, cando menos, un gasto superfluo. Na que o Sr. Quintanilla (Director da T.V.G.) é quen asume, realmente, unha programación baseada en “compromisos persoais”, ou de responsables das diferentes Consellerías ou empresas, tal como el mesmo me ten transmitido en máis de unha ocasión. Tamén resulta inaudito que Vdes. non coñezan e, sen embargo, se autorice a existencia de contratos ilegais tanto con persoal da Casa como na contratación con empresas alleas, entre outras cousas porque as empresas públicas son, por Lei, responsables civís subsidiarias dos incumprimentos das empresas privadas coas que coproducen, e non é a primeira vez que a R.T.V.G. ten coñecemento de tales incumprimentos. Incórrese tamén, sistemáticamente, en contratacións que supoñen un trato claramente discriminatorio a favor das “grandes empresas” (amigas, por certo) en detrimento das pequenas productoras, ás que se lles impoñen condicións contractuais leoninas e inadmisibles en canto a financiamento, prazos de pago, dereitos de coproducción, cláusulas de privacidade, etc., etc., etc.

E mentres todo isto sucedía, ¿onde estaban Vdes., Sra. e Sres. do Consello?. ¿De veras que non sabían nada?. Pois non deben seguir ignorando (para iso lles pagamos os contribuíntes) a operación de enxeñería financeira que hai montada na C.R.T.V.G. para enmascarar as débedas existentes, débedas que, por certo ¿non serán a inevitable consecuencia dunha pésima xestión?. ¿Tampouco o sabían vostedes?.

Tampouco poden seguir ignorando que nas últimas datas se está comprometendo e hipotecando o futuro funcionamento da propia Compañía a base de asinar contratos coas empresas achegadas, ou de impoñer a absurda continuidade de determinados programas, deixando a cero os recursos e incrementando notablemente as débedas. O propio Director Xeral manifestaba orgullosamente meses atrás que a T.V.G. era a única televisión que non tiña espacios basura na súa programación. Totalmente de acordo: non hai espacios basura, practicamente toda a progamación é basura, coa supervisión, supoño, dese Consello. Parte desta programación ten a súa continuidade asegurada por catro anos máis, coma no caso do Luar, que dirixe o Sr. Gayoso, ó que se lle acaba de asinar un novo contrato a razón de 24 millóns de pesetas por ano.¿Isto tampouco o sabían vostedes?.

Cabe supoñer, estimados Sra. e Sres., que non descoñecían Vdes. todo o anterior, o cal me leva a preguntarme en concepto de qué veñen cobrando (e moi ben, por certo) os seus salarios, ¿para que serven as numerosas comisións que vostedes organizan (ás veces tres no día) e polas que cobran substanciosas dietas?. Se, pola contra, non sabían nada, ¿en base a qué cobraban Vdes.?.

Non podo, polo tanto, despedir este escrito sen recodarlles que, como políticos, teñen un compromiso cos cidadáns deste País, e que, ou por descoñecemento ou por omisión, son Vdes. cómplices e responsables do que está a pasar na C.R.T.V.G. Non teño problema ningún en comparecer perante Vdes., se o consideran oportuno, para darlles conta persoalmente e polo miúdo de todas estas cuestións que afectan a moitos traalladores e a tódolos contribuíntes galegos, o que darían para encher moitas páxinas.

Agradézolles, en todo caso, que me prestasen un pouco do seu preciado tempo.

Quedo á espera dos seus comentarios e despídome cun cordial saúdo.

Atentamente,

Enrique Banet López de Rego,

ex-director do Programa SENDA VERDE"

1.07.05

Publicado por sergio_d_xira
1423 lecturas • 9 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios

  1. Hoy ( 10-9-05 ) vi un programa de Senda Verde en la tvg, creí que ya ni lo reponían; lo cierto es que lo echo de menos, miré en internet a ver que encontraba y dí con la carta abierta del Sr. Banet. Una pena. ¿Cuando los entes públicos estarán al servicio del ciudadano y no de los cargos políticos de turno?, y estos últimos, ¿cuando se presentaran para ayudar a su comunidad y no para medrar particularmente?. ¿Hasta cuando el amiguismo, la corrupción y la mala gestión del dinero de todos?; ¡y si sólo fuese en la tvg...! ¿Estamos realmente en la Europa del siglo XXI?

    Eva Mª Seijido — 10-09-2005 19:11:10

  2. O amiguismo e a corrupción é algo tan arraigado que todo o que se avance nese tema será de xeito lento e dificultoso, e todos dentro do que alcancemos deberíamos colaborar no cambio de mentalidade. Por outro lado non estou moi enterado dos cambios na TVG, pero paréceme que é algo pendente que o novo governo deberá abordar próximamente. A TVG necesita unha profunda renovación, un cambio de imaxe, unha maior transparencia na súa xestión e todo isto co espírito de servizo público que corresponde a un ente público.

    Eu gostaría de que se potenciasen facetas abandoadas anteriormente, supoño que por non acadar o obxectivo de inculturizar que tiñan os que governaban este medio. Os documentais de producción propia é algo imprescindible no novo camiño (doc. sociais, natureza, cultura, ...). Outra faceta importante sería a música, con programas musicais modernos e que den a coñecer grupos e movementos propios. Outra moi importante sería o mundo do teatro, clown, espectáculo, ... un mundo moi dinámico e importante na Galiza que debería ter máis saída, ...

    Moitas cousas, pero paréceme que todo ten gran importancia, necesitamos que a TVG se desperece e sexa un dos motores deste rexurdimento da cultura galega que (salvo boicot) é imparable.

    Birnarem — 12-09-2005 09:54:57

  3. Temos que crear unha plataforma para que volte SENDA VERDE e Henrique Banet a presentalo

    Xaime Rodriguez Vilas — 19-05-2006 21:42:20

  4. Es una lastima que esto suceda, Senda Verde es uno de los programas mejores y mas completos que he visto en cualquier television y al frente un gran profesional, Banet al cual he tenido la suerte de conocer en el Everest. Un abrazo

    Pablo Veiga — 28-05-2006 00:22:31

  5. Senda verde foi, na miña opinión, do pouco bo da TVG. Henrique Banet, excelente comunicador. Adiante a plataforma para que volva Senda Verde. En moitos casos os Consellos de Administración non funcionan porque seus membros están de paso (dietas, enchufar un fillo, etc.); non coñecen a Casa, nin o gremio, miran para o do lado e votan.

    Gonzalo Sancho Blanco — 28-05-2006 09:06:39

  6. Animo a Xaime ou a quen lle apeteza a crear un blog sobre o tema e recollida de apoios ao que daremos a debida publicidade.

    Birnarem — 05-06-2006 13:21:19

  7. Senda Verde es un programa educativo y de divulgación. Da un fuerte impulso a la agricultura ecológica difundiendo hábitos y cultura que son de provecho para quellos que aman la naturaleza. Necesitamos programs así que son muy escasos en la TV, ya que solo por medio de libros y la red podemos informarnos de agricultura ecológica, biodinámica, permacultura, etc. Lo de senda Verde es muy importante porque tiene que ver con nuestra forma de interpretar la naturaleza y de labrarla, además de cultivar los mismos gustos alimentarios.
    Desde Argentina, todo mi apoyo para la continuidad de Senda Verde.

    Ernesto Luis Ferrería — 15-04-2007 15:10:50

  8. Lamentei moito a desaparición de Senda Verde, tanto o programa coma persoas coma Henrique Banet son moi necesarias para o noso país.
    Hai pouco que teño Internet e atopei por casualidade esta páxina.
    Se serve de algo este escrito, estou a favor de calquera iniciativa para recuperar programas do estilo de Senda Verde na TVG, e a persoa de Henrique nos medios de divulgación galegos pois paréceme unha persoa honesta, comprometida e bó comunicador. Se alguén ten iniciativas nesta liña, aquí está o meu enderezo electrónico para comunicarse comigo e ver que se pode facer. cfabalri@edu.xunta.es

    Carlos Fabal Rifón — 09-09-2007 21:10:31

  9. Hola a todos, agradecería enormemente a quien me pudiera informar de como puedo conseguir las cintas o DVDs de la serie senda verde. Opino como todos que es un trabajo extraordinario que no se deberia perder en el olvido. Gracias de antemano

    yago — 12-02-2008 17:33:46


Comentar



Recordar datos