As comunidades indíxenas de Chiapas que se levantaron en armas o primeiro de xaneiro de 1994 fixeran anteriormente moitos intentos por chamar a atención, de forma pacífica, sobre a súa situación exasperante: o desdén oficial, a represión sistemática, o saqueo das súas terras e os seus recursos, a marxinación e a insalubridade e, sobre todo, a anulación da súa identidade polo México público e privado que aspiraba a ingresar no primeiro mundo sen reparar que moitos dos seus habitantes vivían e aínda viven nun país insensible e áspero, con elites que se encaraman nunha montaña de miseria para imitar os patróns (políticos, culturais, de consumo) de Estados Unidos e Europa occidental. Esta aspiración segue en pé. Durante a salvaxe "modernización" salinista, e dende moito antes, os pobos indios do sureste reuníronse, formularon chamadas á conciencia nacional e marcharon á capital da República para denunciar o afondamento crecente dunha fractura histórica entre o país duns cantos, que o tiña todo e que o segue tendo (hoxe máis concentrado que fai 11 anos) e a nación dos máis, que ata a data non ten nada.
Non foron escoitados. O goberno, e con el as clases acomodadas e un bo sector das clases medias, vivían unha borracheira de modernidade que asemellaba cubrir os sufrimentos esenciais de maiorías sen casa, sen terra, sen escola, sen hospitais, sen voz nin voto. Eses pobos indios decidiron xogarse, entón, o único que lles quedaba, a dignidade, para facerse escoitar polo resto de México e polo mundo.
Irromperon en plena celebración pola entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio de América do Norte, para lembrar que un dos socios nese instrumento internacional era un país xeneroso cos capitais estranxeiros, cos altos funcionarios e cos adiñeirados nacionais, pero implacable e depredador cos seus propios desamparados.
As autoridades responderon, inicialmente, cunha feroz represión militar contra os alzados, pero tras uns días de combates, a sociedade fixo escoitar a súa voz e esixiu o cese das hostilidades. Os rebeldes, á súa vez, escoitaron o mensaxe da cidadanía mobilizada, revisaron sobre a marcha as súas estratexias e as súas conviccións, e decidiron darlle unha oportunidade á negociación pacífica.
O salinismo, pola súa parte, non tivo máis remedio que deter os operativos militares e iniciar un vasto exercicio de simulación política a fin de exhibir unha imaxe minimamente presentable ante a opinión pública internacional. Priísta ó cabo, iniciou negociacións, non para atender as raíces do conflicto, senón para ensaiar a corrupción e a cooptación dos alzados, e rematou naufragando na súa propia descomposición e nas pugnas entre o entón comisionado para a paz, Manuel Camacho, e o candidato substituto, Ernesto Zedillo. Cando este asumiu a Presidencia fixo como que continuaba as negociacións e dedicouse a preparar, nas sombras, un golpe de man contra a dirixencia rebelde; o 9 de febreiro de 1995, mentres mantiña a ficción dos contactos, fixo avanzar ó Exército ás comunidades zapatistas, xirou ordes de aprehensión contra a dirixencia indíxena e a punto estivo de afundir ó país nunha confrontación sangrienta e xeneralizada.
A sociedade civil mobilizouse novamente e logrou impoñer unha mínima racionalidade que se traduciu na Lei para o Diálogo e a Negociación en Chiapas e a constitución da Comisión de Concordia e Pacificación (Cocopa) do Congreso da Unión.
Restablecéronse as negociacións, esta vez en San Andrés Larráinzar, e os representantes gobernamentais e os rebeldes lograron conformar un documento fundamental para realizar modificacións constitucionais en materia de dereitos e cultura indíxenas que, de prosperar, sentaría as bases para curar a fractura entre o Estado e os pobos indios.
Pero o goberno de Zedillo volveu a traizoar, descoñeceu o asinado polos seus propios enviados en San Andrés e empeñouse na vía da contrainsurxencia: cercar ás comunidades, fustrigar ós seus habitantes, armar grupos paramilitares de choque, provocar ós zapatistas.
Esa estratexia criminal deu por resultado o desprazamento de pobos enteiros que houberon de internarse na selva a pasar fame e enfermidades, a violación de innumerables mulleres por efectivos militares e parapoliciais, a destrucción de vivendas, o roubo das escasísimas pertenzas das comunidades, o acoso permanente. A política zedillista cara os insurxentes culminou coa matanza de Acteal, organizada e dirixida por mandos policiais e militares, e cuxos principais responsables políticos son Zedillo e o seu secretario de Gobernación de entón, Emilio Chuayffet.
A paciencia dos alzados non se esgotou nin sequera co asesinato de mulleres embarazadas nin coa ocupación ilegal e a destrucción das súas comunidades pola tropa nin coa falta de palabra do Executivo federal. Mantivéronse fieis á demanda de paz da sociedade e agardaron tempos mellores.
Vicente Fox chegou á Presidencia precedido pola súa promesa demagóxica e absurda de que resolvería "en 15 minutos" (así díxoo) o conflicto de Chiapas. Nos primeiros tempos do seu goberno as condicións para avanzar nunha solución real ó problema asemellaron propicias. O mandatario enviou ó Congreso, como iniciativa propia, a proposta de reformas legais elaborada pola Cocopa con base nos acordos de San Andrés.
En sinal de boa vontade, os zapatistas enviaron á capital a unha parte dos seus dirixentes. Pronto puido percibirse que a clase política do país non estaba á altura das circunstancias. Houbo voces racistas escandalizadas pola posibilidade de que os representantes indíxenas usasen a tribuna do Pazo Lexislativo de San Lázaro.
Fíxose evidente que Fox non realizara ningún traballo político antes de enviar a iniciativa legal e que, así, a condenaba ó fracaso. Finalmente, os lexisladores aprobaron unha vergonzosa parodia do acordado en San Andrés e a Suprema Corte de Xustiza da Nación desbotou, unha a unha, as inconformidades interpostas contra o enxendro de modificacións legais. O titular do Executivo, pola súa parte, deu por culminados os "15 minutos" e declarou que o conflicto estaba resolto. Dende entón (2001) asemella crelo así.
A contrainsurxencia disimulouse, pero non cesou. En datas recentes sóubose da reactivación de grupos paramilitares orientados e financiados pola oligarquía chiapaneca tradicional, polas autoridades locais e as federais. A esfera política do país confundiu a prudencia dos zapatistas coa extinción do seu alzamento e das causas que lle deron orixe. O desprezo do México oficial ós indios alzados chegou a tal punto que os supón inexistentes.
O empecinamento dos tres poderes da Unión, dos partidos, do goberno estatal, dos emporios mediáticos por volver invisibles ós indíxenas chiapanecos dura xa máis de catro anos, pero todo ten limite. As causas da rebelión de 1994 están presentes e vixentes, aínda que non aparezan nos noticiarios, co agravio engadido do tempo: catro anos máis de miseria, ninguneo, provocacións, cancelación de esperanzas persoais e colectivas de dignidade, xustiza, democracia, educación, saúde e desenrolo respectuoso. Ninguén pode reprochar ós zapatistas que non teñan paciencia, contención e vontade de paz. Non son eles, senón o México oficial, o que alenta, coa súa insensibilidade, a súa cegueira e a súa falta de sentido, a desestabilización e ameázaa da violencia. Tal vez o sureste do país estea próximo a unha nova explosión indesexable e de consecuencias impredecibles pero necesariamente graves. É posible que a sociedade deba saír de novo ás rúas a espertar ás autoridades da súa prolongada sesta, a dicirlles que en Chiapas xéstase un novo estalido e que a responsabilidade corresponde, unha vez máis, ó goberno.
La Jornada
Ejército Zapatista de Liberación Nacional