Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Presentación da Coordenadora para a Prevención da Tortura

Archivado en Novas Quentiñas • Fecha: 11-05-2005 12:07

Preséntase, en Madrid, o venres 13 de maio ás 19h a Coordenadora para a Prevención da Tortura. Lugar: Instituto "Cardenal Cisneros"
C/ de los reyes 4 Pl.España y Noviciado. O seu manifesto é o que segue:

INICIATIVA POLO PROTOCOLO FACULTATIVO CONTRA A TORTURA DAS NACIÓNS UNIDAS

Nas comisarias e prisións do Estado español continua existindo a tortura. Esta realidade foi muitas veces denunciada por organismos internacionais, asociacións humanitárias, colectivos profisionais e grupos de apoio às persoas presas, asi como polas próprias vítimas e os seus familiares. Mais apesar de a Constituición Española e todo o Direito internacional proibir rotundamente a sua prática e apesar de o Governo negar a sua existéncia, esta realidade está certificada por sentenzas ditadas contra o Estado Español polo Tribunal Internacional de Direitos Humanos, polas recomendacións do Relator Especial das Nacións Unidas contra a Tortura, polos relatórios de Amnistia Internacional, de Human Rights Watch, do Torturaren Aurkako Taldea, da Association pour la Prévention de la Torture e de outras asociacións e colectivos que reclamamos, desde hai anos, medidas realmente efectivas para prevenir esta violación da dignidade e os direitos humanos, nos cárceres, nas comisarias, nos centros de retención de migrantes e nas ruas do Estado Español, onde as Forzas de Seguranza do Estado continuan praticando a tortura, os maus tratos e os abusos de poder.

A COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA nace con vocación de traballar para pór fin a esta situación.

Con o fin de atinxir este obxectivo, a COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA inicia una campaña para que o Governo Español asine, ratifique e poña en marcha o Protocolo Facultativo (PF) Contra a Tortura aprovado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 18 de Decembro de 2002, un instrumento que entendemos estabelece mecanismos reais e eficaces para prevenir a prática da tortura e os tratamentos cruéis, desumanos ou degradantes en cárceres, comisarias, centros de retención de migrantes, etc., ao abrir estes espazos ao controlo da sociedade civil.

A COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA velará por garantir a incorporación das asociacións de direitos humanos e liberdades públicas ao proceso de ratificación e execución do Protocolo, a sua efectiva posta en funcionamento e a independéncia das persoas que constituirán no futuro os Comités de visita e controlo.

O PROTOCOLO FACULTATIVO: UN MECANISMO NECESÁRIO

Os contributos mais importantes do PF das NNUU na luita contra a prática da tortura son dous: a énfase preventiva e a diversificación dos mecanismos de controlo social. É aí precisamente que reside a sua necesidade: por unha parte permite à sociedade civil verificar a existéncia da tortura (até agora nengun instrumento internacional autorizava as visitas aos centros de detención, en calquer lugar do mundo, sen prévio aviso e sen necesidade de ter o consentimento das autoridades), pola outra, estabelece a obrigatoriedade de criar organismos estatais de controlo. Unha vez que o PF teña sido ratificado por un mínimo de 20 estados, o Comité das NNUU contra a Tortura deverá criar un Subcomité, cuxa función será precisamente realizar estas visitas, e os Estados terán a obrigación de estabelecer e dotar dos meios necesários un ou vários Comités que traballarán de maneira coordenada con o Subcomité internacional.

Os membros destes Comités poderán manter entrevistas –reservadas e sen testemuñas- con calquer persoa privada de liberdade e con outras persoas da sua eleición, tais como funcionários das equipas médicas e de seguranza ou familiares das persoas detidas. Terán aceso a todos os rexistos relativos a calquer persoa que estexa sob custódia do estado e direito a examinar as regras disciplinárias, o rexime de castigos e outros documentos de relevo. Poderán inspeccionar regularmente o conxunto das instalacións de detención e terán aceso a todas as dependéncias, incluindo dormitórios, comedores, cociñas, celas de isolamento, cuartos de baño, áreas de exercício físico e consultórios médicos.

Por isto, a COORDENADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA solicita:

- Ao Governo do Estado español, que asine imediatamente o Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura das NN.UU.

- Ao Parlamento do Estado español, que ratifique à maior brevidade esta asinatura e lexisle as reformas necesárias para acabar con a prática da tortura, seguindo as recomendacións do Relator Especial das NNUU contra a Tortura.

- À sociedade civil, que entenda a necesidade de pór fin à lacra da tortura e se comprometa con esta campaña, esixindo dos seus governantes a aplicación de medidas efectivas que garantan para todos e todas un tratamento humano e digno por parte das Forzas de Seguranza do Estado en prisións, comisarias, centros de retención de migrantes, etc., en cumprimento da legalidade vixente, tanto a estatal como a internacional.

Coordenadora para a Prevención da Tortura

Publicado por Birnarem
298 lecturas • 0 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios


Comentar



Recordar datos