Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

Manifesto da Rede Galega da Cidadanía

Archivado en Información (Kit do cidadán crítico) • Fecha: 11-05-2005 12:24

A cidadanía dunha persoa supón o seu dereito e responsabilidade de participar activamente na gobernabilidade das comunidades ás que pertence; dende as máis próximas ata as máis amplas e xerais.

Sen embargo, é patente e lamentable o raquitismo participativo que caracteriza ás nosas sociedades nas que uns poderes, que se autoproclaman democráticos, reducen a colaboración dos cidadáns ao depósito dun voto nuns desvitalizados comicios electorais.

Consideramos insatisfactorio e insuficiente un sistema político que, no substantivo, descansa nas actividades de reducidos cumios dentro dos partidos políticos e outras institucións de poder.

Sen que presupoña desconfianza algunha cara ás estructuras partidarias, afirmamos que a política hoxe ten que asumir novas formas, máis participativas, máis abertas e flexibles que as convencionais. Novas formas que, non pretendendo substituír aos partidos, sexan ese complemento que as súas insuficiencias precisan.

Galicia, no político, é un espacio especialmente pobre e opresor. Vivimos inmersos nun sistema de clientelismo que entende o goberno como órgano do partido que o sustenta, póndolle, así, prezo electoral á prestación dos servizos que lle corresponde xestionar. Trátase dunha forma de goberno corrompida e arcaica, incapaz de dirixir unha renovación das nosas estructuras productivas e que ten baixo mínimos sistemas, como a sanidade, o ensino ou a protección do medio ambiente, vitais para unha sociedade.

Por todo isto, as organizacións cívicas que subscribimos este manifesto, coñecedoras de que son moitas as persoas que desexan rematar cos gobernos prepotentes, clientelistas e ineptos do Partido Popular e o seu Presidente Fraga, proseguindo con actividades que contribúan en positivo á construcción dunha sociedade máis viva e democrática, como xa o foron a Oposición á Guerra e o Nunca Máis, chamamos á cidadanía galega a que converxa, dende a riqueza da súa diversidade, nunha proposta de acción con estes obxectivos: MUDAR GALICIA.

Vemos a próxima cita electoral como unha grande oportunidade para iniciar en Galicia ese cambio político imprescindible. Declaramos a nosa disposición de coordinarnos para promover accións abertas á toda a cidadanía, con esa finalidade; e, tamén, de apoiar a aqueles partidos políticos que, máis aló da súa pretensión lexítima de ser unha alternativa, dean pulo a unha verdadeira transformación política que nos permita construír unha sociedade civil mellor artellada e participativa.

Rede Galega da Cidadanía

Publicado por Birnarem
324 lecturas • 1 Comentarios • 0 Referencias


Referencias (URL para referencias)


Comentarios

  1. Parece que esta organización ten os recelos de determinados colectivos, aquí mando unha opinión de Arredemo sobre a organización:

    Sem que ninguém acordara nada ao respeito, "Arredemo" aparece como entidade da "Rede Galega da Cidadanía" umha plataforma manejada por colectivos eleitoralistas pro-PSOE, Adega e mais a Burla Negra.

    Pese a que já houvo quem aclaromos-lhes a istos aproveitados que "Arredemo" nom acordara nada ao respeito, e pediuse-lhes que quitaram o nosso logo de entre as "entidades" desse projecto, este segue figurando como tal.

    Acho que entanto nom se acorde nada ao respeito na juntança arredema, nom podemos consentir que haja quem queira sacar talhada sem o nosso consentimento.

    Tanto "pola esquerda" como "cidadans polo cambio", os auténticos promotores da ideia, som dous colectivos que só aparecem quando há eleiçons e só tenhem como meta pedir o voto descarado para o PSOE. Eu conheço persoalmente a mais dumha das pessoas que estám detrás disto, gente acomodada com bos salários, ex-pcs e colaterais que nunca virom com bos olhos a EU e menos ainda ao BNG, e que criminalizam toda disidência extraparlamentar e que por ejemplo nom tenhem nengumha preocupaçom ao respeito do galego (como indica o proprio nome de mudar gali"ci"a) .

    Seica na Burla tomara-se há tempo a decissom de apoiar toda iniciativa que lute por quitar a Fraga da Junta, e nessa medida acordarom apoiar esta plataforma pro-PSOE, mas Arredemo é algo mais que a Burla (se nom nom sei que fago eu aqui) e nom há nengum acordo que justifique a nossa presência nesta plataforma.

    Nom sei se houvo alguém que se extralimitou à hora de decidir que Arredemo também figurara neste chiringuito, se é assim, moi mal feito.

    Eu abrim um foro nesta página e mandei correios a quem creim que podia saber algo, mas todas as respostas indicam que nom há nengum acordo para que arredemo figure como membro desta plataforma.

    Exigamos entom que se nos borre até que nom haja um acordo tomado ao respeito.

    Birnarem — 13-05-2005 11:36:05


Comentar



Recordar datos